O PP de Lugo impulsa unha campaña para mellorar a seguridade viaria no rural

O Partido Popular de Lugo pon en marcha unha campaña informativa sobre educación viaria dirixida á veciñanza das parroquias rurais, con especial atención ás persoas maiores de 60 anos. A iniciativa, enmarcada no programa de actividades nos distritos, inclúe catro charlas en diferentes puntos do rural, coa colaboración de expertos en formación do subsector de tráfico da Garda Civil.
Entre os temas a tratar están as claves para previr accidentes con vehículos agrícolas, o protocolo PAS (Protexer, Alertar e Socorrer) para actuar ante unha emerxencia viaria e a importancia dos sistemas de retención.
Ademais, farase fincapé na seguridade dos peóns que circulan polas estradas das parroquias, destacando a necesidade de empregar elementos reflectantes e luminosos para mellorar a visibilidade en condicións de pouca luz. Explicaranse tamén as normas de uso correcto dos chalecos reflectantes, un elemento fundamental para reducir riscos e evitar atropelos.
Desde o Partido Popular subliñan que mellorar a seguridade viaria no rural é unha prioridade, xa que os peóns comparten espazo co tráfico rodado en condicións de maior vulnerabilidade. Por iso, insisten na necesidade de sensibilizar á poboación e ofrecer ferramentas prácticas que axuden a salvar vidas.