O PP de Lugo insiste nas acusacións contra Rubén Arroxo a pesar das críticas do BNG

O Partido Popular de Lugo mantén as súas acusacións contra o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, a quen sinala por un suposto caso de malversación, a pesar de que o pasado venres, 7 de novembro, o BNG compareceu para reclamar á presidenta provincial do PP, Elena Candia, unha rectificación inmediata. Naquela intervención, Arroxo cualificara a actitude dos populares como “de extrema gravidade para a cidade e para a política municipal”, lamentando que se trate de “xerar ruído” arredor dun asunto administrativo xa aclarado polos servizos técnicos.
Porén, os populares non rectificaron nin emitiron un comunicado de desculpas, nin tampouco eliminaron das súas redes sociais o texto no que descalificaban ao dirixente nacionalista. Pola contra, difundiron un novo comunicado no que reafirman as súas acusacións e aseguran que a súa denuncia se basea en documentación oficial e en informes técnicos do Concello.
No texto, o grupo municipal do PP explica que o pagamento obxecto da polémica corresponde a un servizo “inexistente”, detectado e corrixido días despois, e que foi aprobado por decreto cando Rubén Arroxo exercía como alcalde en funcións. “O que fixemos foi simplemente dar a coñecer este feito e pedir explicacións”, sinalan, asegurando que a súa obriga é “poñer voz onde outros prefiren silencio”.
Os populares lembran tamén que levan todo o mandato advertindo de “irregularidades recorrentes”, citando informes técnicos que detectan contratacións de obras sen consignación orzamentaria, contratos de tracto sucesivo e o feito de que “non foi aprobado o plan de contratación pública do Concello para o ano 2024”.
O PP lucense considera “preocupante” a reacción do goberno local e acusa a Arroxo de responder con ataques persoais en lugar de aclaracións. “A verdade non se cala con ameazas, e a transparencia non é unha opción: é unha obriga”, conclúe o comunicado asinado polos 12 concelleiros do grupo municipal e polo presidente local do PP de Lugo.