O PP de Lugo insta ao Concello a axilizar a cesión da parcela para o novo centro de saúde do Sagrado Corazón

A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular en Lugo mantivo un encontro co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para tratar o proxecto do novo centro de saúde do Sagrado Corazón. Esta reunión prodúcese despois de que o goberno local rectificase na súa intención inicial de trasladar a instalación sanitaria fóra do barrio, á zona de Paradai. Finalmente, PSOE e BNG deron marcha atrás e ratificaron a súa aposta pola parcela onde actualmente se atopa o antigo colexio do Sagrado Corazón.
A modificación de postura do executivo municipal quedou reflectida no apoio unánime de toda a corporación no pleno ordinario de decembro de 2024, no que se aprobou unha iniciativa impulsada polo PP. O acordo contou ademais co respaldo de numerosos veciños que se achegaron ao salón de plenos para manifestar o seu apoio ao proxecto.
Con este aval político e social, a voceira popular solicitoulle ao conselleiro de Sanidade que reitere ao Concello a necesidade de ceder os terreos, tal e como se recolle no acordo plenario. Desde o Grupo Municipal, xa o pasado 10 de febreiro trasladaron esta resolución ao goberno local mediante unha carta oficial, sen que ata o momento se obtivese unha resposta clara.
A Consellería de Sanidade leva insistindo desde 2021 na cesión da parcela para poder avanzar na construción do novo centro de saúde, un equipamento moi demandado polos residentes da zona. "É difícil entender a actitude do goberno local, máis centrado en confrontar que en traballar por este barrio", lamentou a portavoz do PP, quen asegurou que, malia a inacción do executivo municipal, este proxecto seguirá adiante co apoio dos veciños. "Será unha iniciativa transformadora e unha honra liderala, como xa se fixo co colexio do Sagrado Corazón", engadiu.
A representante popular destacou tamén a aposta da Xunta de Galicia por este barrio, impulsando infraestruturas clave como a nova terminal de autobuses e o aparcadoiro da estación intermodal. Ademais, lembrou que están en marcha outras iniciativas esenciais para a mellora da calidade de vida na zona, como a reforma da rúa Serra de Meira e a creación de novas vivendas públicas.
Por último, a voceira popular reiterou que o obxectivo do seu grupo municipal é "construír e sumar", o que tamén implica instar ao goberno local a corrixir os seus erros. "Logramos que o centro de saúde non fose trasladado a Paradai; agora é o momento de que o Concello se implique realmente e desbloquee este proxecto fundamental para os veciños. Lugo merece feitos, non máis escusas", concluíu.