O PP de Lugo insta ao equipo de goberno a desbloquear os Orzamentos de 2026

LugoXa
Os populares acusan a Miguel Fernández de antepoñer os conflitos do seu grupo ás necesidades da cidade e alertan das consecuencias na xestión municipal
Casa-Consistorial-Concello-de-Lugo
21 Jan 2026

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo reclamou ao alcalde, Miguel Fernández, que sitúe a institución por riba das disputas internas do seu goberno co obxectivo de desbloquear a aprobación dos Orzamentos municipais para 2026 e atender con prioridade as necesidades da veciñanza. Os populares consideran "inaceptable" que Lugo continúe sen contas para este exercicio, especialmente cando se trata dun documento clave para garantir a prestación dos servizos públicos e planificar os investimentos municipais.

Desde o PP cuestionan a explicación ofrecida polo goberno local para xustificar a suspensión dunha Xunta de Goberno Local extraordinaria, convocada o día anterior e que tiña como único punto da orde do día a aprobación dos Orzamentos. O executivo municipal argumentou que a cancelación se produciu pola non celebración do Consello Económico e Social, debido ao loito polo accidente ferroviario, unha xustificación que, segundo os populares, non resulta crible, tendo en conta que neste mesmo día se celebrou con normalidade unha Xunta de Goberno Local ordinaria.

A suspensión desta sesión extraordinaria implica, segundo advertiu o PP, que os Orzamentos non serán levados ao Pleno ordinario da vindeira semana, malia o compromiso adquirido polo propio goberno local. Esta situación, ao seu xuízo, incrementa a incerteza sobre a planificación económica do Concello, xa que continúa sen coñecerse ningún detalle do contido das contas municipais, nun trámite que ademais vai acumulando retrasos fóra dos prazos habituais.

Os populares alertan tamén de que a ausencia de Orzamentos non impide que se estean a adoptar decisións de grande relevancia económica, como a retirada por decreto de Alcaldía dun millón de euros do Servizo de Axuda no Fogar para financiar a instalación de cámaras de tráfico.

Por iso, fan un chamamento ao goberno local para que centre os seus esforzos en resolver os problemas reais da cidadanía, insistindo en que Lugo precisa un executivo estable, centrado e plenamente dedicado á xestión pública.

⚙ Configurar cookies
0.19051694869995