O PP de Lugo insta ao goberno local a axilizar a permuta dos terreos do Castiñeiro
O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo urxe ao Goberno local a acelerar os trámites necesarios para facer efectiva a permuta dos terreos do Castiñeiro, un acordo alcanzado hai case dous anos e que permanece pendente de execución. Este intercambio permitiría desbloquear a parcela onde inicialmente se proxectaran vivendas públicas e favorecería o desenvolvemento de novas infraestruturas para o barrio.
A concelleira popular, Mar Carballas, destacou que este acordo foi unha resposta ás demandas da veciñanza do Castiñeiro, que solicitaba máis servizos para a súa zona. Carballas lamentou que, despois de tanto tempo, o proceso siga paralizado, criticando que a alcaldesa afirmara en varias ocasións que esta operación era inminente.
O Partido Popular subliña a urxencia de dotar ao Castiñeiro de servizos que melloren a calidade de vida dos seus habitantes. "Pedimos xestión e axilidade. Non podemos permitir que un acordo tan relevante para o barrio quede no esquecemento", reivindicou a concelleira.