O PP de Lugo instala un código QR no Concello para promover unha guía turística dixital

O Grupo Popular de Lugo instalou un código QR de grandes dimensións nunha das fiestras do local que ocupa na Casa do Concello.
A través deste código, veciños, veciñas e visitantes poden acceder directamente a unha guía dixital sobre Lugo, elaborada coa colaboración de persoas vencelladas ao turismo, a historia e a cultura local.
A voceira popular, Elena Candia, explicou que a iniciativa pretende ofrecer “unha ferramenta útil, feita con rigor e cariño, para que quen visite Lugo estes días poida coñecer mellor o que temos: patrimonio, historia, cultura, gastronomía e natureza”.
Tamén sinalou que a escolla da data non é casual: “Queremos poñer en valor a Semana Santa lucense e recoñecer o traballo da Xunta de Confrarías, que está loitando pola declaración de Interese Turístico Nacional. Nós, desde a oposición, achegamos o que temos: medios propios e vontade de sumar”.
Candia insistiu na necesidade de coidar e promocionar Lugo como destino turístico: “Se queremos que Lugo deixe de ser unha cidade de paso, hai que contala como merece. Esta guía é un pequeno paso nesa dirección”.
Desde o Grupo Popular tamén se criticou a falta de iniciativa do goberno local en materia de promoción turística. “Lamentamos que o Concello non estea á altura do que Lugo precisa e careza dunha estratexia para prolongar a estancia media dos visitantes ou potenciar a cidade como un destino atractivo”, afirmou a voceira.
O traballo, que xa fora presentado hai uns meses e estaba dispoñible na web do grupo municipal, é descrito como “un documento vivo e aberto á participación” para incorporar melloras de forma continua.
Pola súa banda, o concelleiro popular Agustín Gallego puxo o foco na falta de planificación do executivo municipal: “Temos unha cidade cun enorme potencial turístico, pero sen unha estratexia seria nin vontade real de poñela en valor”.