O PP de Lugo lamenta o rexeitamento das alegacións aos orzamentos municipais

O Grupo Municipal do PP de Lugo mostrou o seu malestar despois de que o novo alcalde da cidade comezase o seu mandato rexeitando en bloque as alegacións presentadas aos orzamentos municipais de 2025. Segundo informaron, o goberno local inadmitiu 14 das alegacións alegando "falta de lexitimidade" e desestimou as catro restantes, que foran presentadas polos sindicatos e a xunta de persoal.
Esta decisión, cualificada polo PP como un claro exemplo da falta de diálogo por parte do PSOE e BNG, tamén foi criticada pola xunta de persoal, que na súa alegación advertiu que non houbo "negociación colectiva preceptiva previa á aprobación dos orzamentos municipais", en concreto no que respecta á aprobación da plantilla municipal, onde existen discrepancias coa Relación de Postos de Traballo (RPT). A xunta de persoal avisa que esta situación podería poñer en risco a validez dos orzamentos.
A voceira popular afirmou que, co apoio do PSOE e BNG, "o goberno progresista de Lugo vota en contra dos servizos públicos". O PP denunciou que, ao rexeitar as alegacións presentadas, o goberno local deixou de lado importantes melloras para a cidade e para os traballadores municipais. Entre as peticións rexeitadas, destacan:
- A implementación efectiva da carreira profesional: Unha medida clave para o persoal municipal que permitiría o seu desenvolvemento profesional.
- A reversión da privatización de servizos como o da reparación de avarías de auga, así como a dotación das brigadas municipais de augas, vías e obras e parque móbil co persoal necesario para garantir un servizo público de calidade.
- A asignación de xornada completa ao persoal de Servizos Sociais que actualmente traballa cunha xornada ao 66%, mellorando así as súas condicións laborais e a súa capacidade de atención ao público.
- O cumprimento das sentenzas xudiciais que obrigan ao Concello a realizar modificacións na plantilla municipal, garantindo así a legalidade e o cumprimento das normativas xudiciais.
- O incremento da partida para a formación en prevención de riscos laborais, mellorando a seguridade dos traballadores municipais e garantido un entorno laboral máis seguro.
O Grupo Municipal do PP tamén criticou que se rexeitasen alegacións que demandaban melloras para a veciñanza, como:
- A creación de beirarrúas seguras en zonas de especial risco como Virxe da Soidade, nas Gándaras, e a ampliación da beirarrúa ata o cemiterio no barrio da Ponte, mellorando así a seguridade viaria e a accesibilidade para os veciños.
- A eliminación de tapóns urbanísticos, como o que existe na zona de Escultor Asorei, mellorando a fluidez do tráfico e a conectividade das áreas da cidade.
- A cobertura do parque infantil da Fonte dos Ranchos, para mellorar as infraestruturas de lecer para as familias e nenos da cidade.
- A mellora dos servizos na zona rural, como un plan plurianual para dotar aos núcleos rurais de abastecemento adecuado, a implantación de taxi a demanda, un plan de reparacións para as estradas rurais, así como o mantemento e desbroce das vías, ademais do vaciado das fosa sépticas, mellorando así a calidade de vida nos pobos.
A voceira popular expresou que "co rexeitamento en bloque destas alegacións desapróvase a oportunidade de mellorar a cidade e atender as demandas da veciñanza e dos traballadores municipais". O Grupo Municipal do PP reafirmou o seu compromiso de seguir traballando para que estas necesidades non caian no esquecemento e para que Lugo conte cunhas contas que respondan de verdade ás necesidades do municipio.