O PP de Lugo lamenta que o auditorio de Magoi siga pechado
Os concelleiros do Grupo Popular colocaron na mañá de onte macetas con flores ao pé do novo auditorio de Magoi montando a silueta dos 334 días que leva pechado o edificio dende que Méndez e Arroxo recibiron da Xunta as chaves desta infraestructura, o pasado 23 de xuño de 2020.
Con esta nova acción o PP lembra que “tan só faltan 31 días para que se cumpra un ano dende a recepción oficial desta dotación que xa é patrimonio municipal”. O voceiro popular lamentaba que “a estas alturas sigamos sen saber para cando se vai a abrir, descoñecemos o modelo de xestión, os custes do seu mantemento así como o contido que vai ter no futuro”
Os populares poñían como proba da súa despreocupación “a imaxe que hai arestora do edificio: non hai máis que ver como teñen a zona, con maleza de altura, incluso trepando pola valla perimetral que está nalgunha zonas deteriorada e incluso hai puntos onde permite o paso aos cidadáns”.
Noutro orde de cousas, en canto a política de persoal na Deputación de Lugo, o grupo provincial do PP puxo de manifesto que "os procesos de selección, dende que o socialista Tomé preside a institución, están baixo a sombra da sospeita". Como anunciaran os populares, e tras obter autorización para acceso ao correspondente expediente, revisaron, por medio do viceportavoz José Antonio García, á documentación correspondente ao proceso selectivo para cubrir unha praza de técnico de edificación.
José Antonio García sinalou: “Comprobamos que hai un número importante de alegacións formuladas por participantes neste proceso selectivo e, o que resulta especialmente significativo, discrepancias entre os membros do tribunal, incluso con informes nos que un deles manifesta estar radicalmente en contra da valoración da aspirante que saíu elixida”.
García lembra que, como xa deu a coñecer o grupo provincial do PP, “este asunto está neste momento xudicializado, porque unha das aspirantes presentou recurso xudicial”. Engade: “Por este motivo queremos ser moi prudentes e esperaremos a que se produza a resolución xudicial”.
Por outra beira, o PP de Lugo coñeceu a intención do goberno provincial de reclaramarlle á Xunta que inclúa os centros de atención a maiores da institución provincial na rede pública autonómica de residencias, “algo que fixo que nos mostramos sorprendidos xa que o PSOE desde fai anos leva criticando este modelo e dicindo que o da Deputación é mellor”, manifestan desde o Partido Popular.
Ante á proposta de solicitude da Deputación de Lugo á administración autonómica para que asuma o financiamento dos centros de maiores do organismo provincial, o PP aclara que o goberno autonómico xa colabora coas residencias de maiores da Deputación coas libranzas vinculadas.
“Estamos nun momento de sumar nos servizos sociais, de agradecer o esforzo dos profesionais e deixarse de politizar coas persoas ás que máis lles debemos, que son os nosos maiores”, finalizan os populares.