O PP de Lugo lamenta que o Concello se negue a unir a cidade co Miño

LugoXa
O PP non entende que PSOE e BNG se empeñen en que Lugo siga a dar as costas ao río, ao negarse a unir a cidade co Miño.
30 Xul 2021

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, non entende a negativa de PSOE e BNG a apoiar propostas "positivas e beneficiosas para a cidade, baseando o seu rexeitamento unicamente en que a proposta a realiza o Partido Popular".

Neste caso, os populares lamentan a negativa de Lara Méndez e Rubén Arroxo a votar en contra de crear un corredor verde que una o centro da cidade co río Miño a través de dúas pasarelas, duns 50 metros cada unha, de xeito que se conectaría o parque Rosalía de Castro co Paseo do Miño a través do Marcos Cela.

A negativa do goberno local baséase en que o proxecto é irrealizable, "pero sorprende esta postura, xa que nas dependencias municipais de Medio Ambiente hai un anteproxecto que recolle unha intervención similar, o que certifica que a única escusa é que a proposta leva o selo do PP”.

Promoción turística de Lugo

Para os populares tamén foi unha "sorpresa a posición do goberno local de negarse a realizar unha promoción de Lugo e buscar o xeito de atraer peregrinos de vilas próximas a Lugo durante o Xacobeo do 2021 e 2022".

Para Ramón Carballo "perder a oportunidade que brinda o descanso dos camiñantes que estean en vilas próximas como Sarria, Portomarín ou Palas de Rei é perder unha importante fonte de ingresos para os diferentes sectores económicos da cidade que, por mor da pandemia, están a pasar por unha etapa moi complicada".

0.17777800559998