O PP de Lugo leva á Valedora do Pobo o acontecido no pregón da Milagrosa

LugoXa
Pide amparo para que as administracións non colaboren en actividades que fomenten a discriminación por razóns ideolóxicas
valedora-do-pobo-mar-e-flor
30 May 2025

As concelleiras do Grupo Popular no Concello de Lugo, Mar Carballas e Flor Rubinos, presentaron á Valedora do Pobo unha petición de amparo, en relación aos feitos ocorridos o pasado 23 de maio durante o pregón da Feira de produtos do campo e artesanía da Milagrosa, cando lles foi denegado “co argumento de que eran cargos do Partido Popular” o acceso a un espazo público onde tiña lugar o pregón.

Esta actividade estaba organizada pola Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais do Distrito da Milagrosa, que contou coa colaboración da Deputación de Lugo, o Concello de Lugo, a Vicepresidencia de Cultura da Deputación e a Federación de Comercio, tal e como se acredita na copia do cartel feito para a presentación do evento.

Dende o Grupo Popular consideramos que estamos diante “dun caso claro de discriminación por razón de ideoloxía salientando que “este tipo de actuacións atentan contra os principios básicos dunha democracia plural”.

No escrito entregado, ambas concelleiras denuncian unha vulneración do dereito fundamental de participación nos asuntos públicos, recollido no artigo 23 da Constitución Española, así como un incumprimento do Decreto 226/2022 da Xunta de Galicia, que regula os espectáculos públicos e establece a obriga de garantir a igualdade de acceso e trato (especialmente nos artigos 13, 14 e 17).

Ademais, na petición de amparo inclúen referencias ao artigo 510 do Código Penal, que sanciona as condutas que inciten ao odio ou á discriminación por motivos ideolóxicos, como podería interpretarse neste caso.

Desde o Grupo Popular queremos deixar claro que non imos tolerar ningún intento de exclusión política nin de vulneración dos dereitos fundamentais de quen representa democraticamente aos veciños de Lugo. Presentamos esta petición porque “o que pasou na Milagrosa non pode repetirse en ningún barrio nin festa da nosa cidade”, explicaron Mar Carballas e Flor Rubinos trala entrega do escrito.

Os populares conclúen que “a liberdade e o respecto polos representantes públicos son principios básicos de calquera sociedade democrática, tamén en Lugo”.

⚙ Configurar cookies
0.15584301948547