O PP de Lugo leva ao pleno de febreiro unha batería de rogos, preguntas e proposicións

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo presentará no pleno do Concello de Lugo correspondente ao mes de febreiro un conxunto de rogos, preguntas e proposicións centradas en cuestións relacionadas co mantemento de infraestruturas, a prestación de servizos públicos e a mellora de distintos espazos da cidade.
No apartado de rogos e preguntas, os populares solicitarán información e actuacións para dar solución ao asolagamento que se rexistra no Camiño de Casás, así como garantías sobre o saneamento na Rúa Milagrosa. Tamén pedirán que se concreten as medidas previstas para protexer a depuradora de Meilán e reclamarán a elaboración dun censo de instalacións con amianto no municipio.
Entre os asuntos que levarán á sesión plenaria figura igualmente o contrato das actividades extraescolares, a firma do convenio de Serra de Meira e a planificación da praia fluvial para 2026. Ademais, preguntarán polo aluguer dunha nave vinculada ás turbinas da Fábrica da Luz.
No bloque de proposicións, o PP defenderá a execución dun aparcadoiro público en superficie na zona do Ceao que inclúa unha área verde axardinada e un punto de recarga para vehículos eléctricos. Tamén instará a que o Goberno central non paralice o Plan de Axilización da Dependencia e da Discapacidade da Xunta de Galicia.
Outra das iniciativas aposta pola ampliación e mellora integral do acceso a Lugo pola Fervedoira. Por último, os populares propoñen reforzar a estrutura organizativa, incrementar a dotación de persoal e mellorar a seguridade operativa do servizo municipal de prevención, extinción de incendios e salvamento.