O PP de Lugo logra aprobar emendas aos Orzamentos de 2026 co apoio de PSOE e BNG

O Grupo Municipal Popular de Lugo logrou sumar apoios na comisión extraordinaria de contas e sacar adiante emendas significativas que melloran os Orzamentos de 2026.
O PP conseguiu a unanimidade dos representantes do PSOE e do BNG para modificar as bases de execución dos orzamentos e habilitar anticipos de pago ás entidades sen ánimo de lucro. Esta medida permitirá adiantar parte das subvencións e aliviar a situación de moitas entidades, que se ven obrigadas a adiantar gastos e asumir un esforzo económico extraordinario debido aos retrasos nos pagos municipais, malia ter as subvencións debidamente xustificadas.
Ademais, grazas ao voto favorable de Cristina López Fernández, do BNG, foi aprobada a emenda defendida polo PP para que o Concello aplique o acordo plenario de xullo de 2025 e bonifique o IBI, ademais de eliminar a plusvalía, aos propietarios de terreos afectados polo cambio de cualificación urbanística nas áreas de expansión. Esta medida afecta a unha superficie de 15.451.424 metros cadrados, onde existen inmobles sen licencia directa nin dereitos urbanísticos, pero que, con todo, tributan como solo urbano, situación considerada inxusta polo PP ao impoñer obrigas de solo urbano sen recoñecer dereitos reais.
Por outra banda, co apoio de María Reigosa, edil do PSOE, saíu adiante a emenda para incorporar o saneamento de Fermín Rivera aproveitando as obras previstas, unha actuación considerada moi necesaria, xa que o goberno local non a incluíra nos seus propios orzamentos.
PROPOSTAS REXEITADAS
Pola súa parte, desde o Goberno local din que tiveron que rexeitar a maioría das emendas presentadas polo Grupo Municipal do Partido Popular ao Proxecto de Orzamentos 2026, "ao non cumprir requisitos técnicos básicos que as fan inadmisibles, tal como advertiu expresamente a Intervención Municipal durante a sesión".
En concreto, as emendas nº 37, 38, 40, 42, 44, 45, 47, 48, 49 e 51 non se axustan á estrutura orzamentaria establecida legalmente, polo que, de non ser corrixidas, non poden incorporarse a un proxecto que debe garantir o equilibrio exacto entre os 131.946.261,91 euros de ingresos e gastos.
Ademais, outras propostas foron rexeitadas por tratar cuestións xa contempladas no propio proxecto do Goberno, como as emendas 39 e 41, ou a relativa á dotación da Relación de Postos de Traballo, xa asegurada no orzamento, que destina 38.502.079,72 euros ao Capítulo 1 para garantir que cada praza estrutural dispoña de respaldo económico real. A emenda sobre vivenda tamén se considerou superada, ao estar recollida no Capítulo VI con 17.710.176,08 euros e no orzamento de EVISLUSA de 394.837,89 euros.
Así, só tres emendas poderán ser sometidas a debate: investimentos en Fermín Rivera, bonificación do IBI e xestión do pago de subvencións ao tecido asociativo. A voceira municipal, Ana González Abelleira, reiterou a disposición do Goberno a sumar apoios para estas propostas no pleno do venres.
“Este proxecto para 2026 non é só unha continuidade; é un reforzo da nosa identidade. É un orzamento para unha cidade que non deixa a ninguén atrás, que inviste no seu futuro e que cre no público como a mellor garantía de liberdade e igualdade. Por todo iso, solicitamos o voto favorable a esta proposta”, concluíu a edil.