O PP de Lugo logra incluír a demolición do muro de ASPNAIS no proxecto do novo centro de saúde mental

O Grupo Municipal do Partido Popular conseguiu que a Xunta de Galicia incluíse no proxecto do novo centro de saúde mental, cuxa licitación foi publicada esta semana, a demolición do muro que rodea a parcela da antiga sede de ASPNAIS, na Rúa San Xillao de Lugo.
Esta intervención, que non estaba inicialmente contemplada, foi incorporada grazas á proposta da Comisión Técnica de Urbanismo do PP de Lugo, que o pasado 3 de xuño trasladou esta achega á Secretaría Técnica da Consellería de Política Social.
Logo de consensuar a proposta coa Consellería e coa asociación ALUME, conseguiuse un compromiso político para avanzar nun proxecto máis aberto, accesible e integrador para a cidade. “A licitación deste centro pioneiro en saúde mental foi presentada antonte e o proxecto xa contempla a eliminación deste peche exterior, o que demostra que non só detectamos os problemas urbanísticos, senón que tamén ofrecemos solucións reais”, sinalou a voceira do grupo, Elena Candia.
A demolición do muro permitirá abrir e integrar o novo equipamento no barrio, gañando 90 metros de fronte por seis de fondo na Rúa San Xillao. Esta actuación permitirá ampliar a calzada e mellorar o tráfico e a seguridade viaria nunha rúa de dirección única moi transitada, especialmente pola veciñanza que conecta Fontiñas co centro.
A intervención tamén supón un avance respecto da unidade de actuación prevista no PXOM, que leva anos sen desenvolver por parte do Concello. Segundo os prazos establecidos en 2011, o proxecto de urbanización tiña que estar executado en sete anos, pero segue sen materializarse. Ademais, prevese a cesión de zonas sen uso edificable, que serán adecentadas para mellorar o aspecto da contorna.
Candia, acompañada por integrantes da Comisión de Urbanismo do PP, concelleiros e Javier Arias, subliñou que esta acción encaixa no modelo de cidade que defende o seu grupo: “máis integrador, accesible e ordenado”. Con este derrubo, o PP suma o quinto tapón urbanístico eliminado na zona, tras actuacións previas en Caiñós, Carril das Hortas, Carril das Flores, Ramón Montenegro e a conexión do Carril dos Indios con San Eufrasio, obras impulsadas durante os anos de goberno popular e algunhas asumidas pola Xunta.