O PP de Lugo, molesto polo peche do espazo de baño e pola actitude do Goberno cos praceiros
Onte desmontouse a plataforma de baño do Miño, que o Partido Popular cualificou "do gran proxecto da alcaldesa para este verán no río".
Para os populares este “primeiro gran proxecto do goberno local é un novo exemplo da crónica do esperpento e da desastrosa xestión de socialistas e nacionalistas” explicou Elena Candia, detallando que cinco concelleiros inauguraban esta plataforma e, dúas semanas despois, retiran a estrutura tal e como ordena a Confederación Hidrográfica Miño – Sil, que foi a administración que autorizou a súa montaxe do 15 de xuño ao 15 de setembro durante 25 anos, e con varios condicionantes.
"O uso da rampla foi nulo salvo para unha foto dun concelleiro en boa forma, intentando mostrar unha praia fluvial inexistente. Gastáronse miles de euros en proxectos e materiais durante anos, con compra de estruturas flotantes como as do Sena (300.000 euros) que teñen gardadas nunha nave alugada no concello do Corgo (20.300 euros anuais), e contrataron o servizo de socorrismo que se pagou durante todo o verán", detallou.
Os populares concluían que “levamos 25 anos escoitando promesas dunha zona de baño pública, pero a realidade é ben distinta o único que tivemos, de momento, foi unha rampla efímera e sen uso”
PRACEIROS
Polo que respecta ao conflito da Praza e o mercado, o PP solicita que “o tenente de alcalde Rubén Arroxo, do mesmo partido político da concelleira, e a alcaldesa Paula Alvarellos intercedan para tender pontes e atender as súas peticións”.
A disculpa pública que reclaman os populares é por tres motivos: "primeiro, porque cos ataques inxustificados e inmerecidos aos praceros están danando a imaxe da Praza e do Mercado. En segundo lugar, porque de maneira indiscutible puxeron en evidencia que non prestaron ben o servizo de limpeza e, en terceiro lugar porque é a obriga dun gobernante empatizar cos autónomos a quen lles custa moito esforzo chegar a fin de mes".
"Dende o Partido Popular seguiremos traballando para que se respecte e valore o papel dos comerciantes, esencial para dinamizar a Praza e o Mercado de Lugo", insisten.
O 15 de marzo o partido presentou un rogo no que apoiaban as revindicacións dos praceiros e se lles dixo, por parte do goberno local, que as terían en conta "pero vemos como pasa o tempo e non hai novidade e por riba “en vez de trasladar unha mensaxe de traquilidade recurren a actitudes revenchistas".
No pleno deste mes volverán a pedir o apoio de PSOE e BNG a través dunha iniciativa na que apoian as reclamacións dos praceiros que van dende a modificación de horarios de apertura na ordenanza; recuperar servizo a domicilio; renovación e actualización da web; melloras de climatización e na accesibilidade á Praza e o Mercado así como reparacións dos danos e roturas en corredores, entre outras cuestións.