O PP de Lugo organiza un acto de homenaxe a Francisco Cacharro Pardo

O Partido Popular de Lugo celebrará o mércores 5 de novembro un acto de lembranza a Francisco Cacharro Pardo, coincidindo co décimo aniversario do seu pasamento.
Co título “Lembrando a Paco Cacharro”, o evento desenvolverase no salón de actos da Facultade de Veterinaria ás 19:00 horas, un espazo especialmente simbólico ao cumprir ese día 41 anos do inicio das clases nesta Facultade, un proxecto ao que Cacharro dedicou unha atención decisiva co obxectivo de consolidar en Lugo un Campus Universitario como motor de progreso para a cidade e a provincia.
O acto incluirá catro accións conmemorativas: a posta en marcha dunha páxina web dedicada á súa figura, a proxección dun vídeo con imaxes e testemuñas, a presentación dun libro de 210 páxinas con participación de preto de medio cento de persoas que tiveron relación con el e unha exposición conmemorativa da que se editará un catálogo para que os asistentes poidan levala a casa. Ademais, contará coa intervención musical do Orfeón Lucense, coro oficial da Catedral de Lugo, dirixido por Sara Nebra.
Na presentación da actividade participaron a presidenta provincial do PP, Elena Candia, o presidente do PP local, Ramón Carballo, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz, quen destacaron que estas accións buscan recoñecer a traxectoria e o legado dun político irrepetible que foi presidente provincial do PP, concelleiro, conselleiro, senador e durante 24 anos presidente da Deputación de Lugo, deixando unha etapa de avance e modernización sen precedentes. O acto está aberto ao público e o PP convida a todos os lucenses a participar nesta homenaxe.