O PP de Lugo pedirá no pleno que se impulse un plan de Dinamización en favor do comercio local

LugoXa
O PP de Lugo fai un chamamento a comprar neste Nadal no comercio local e pedirá no pleno que se impulse un plan de Dinamización.
PLENO ORDINARIO PP LUGO
24 Dec 2024

O PP de Lugo fai un chamamento a comprar neste Nadal no comercio local e pedirá no pleno que se impulse un plan de Dinamización.

A portavoz popular, Elena Candia, explica que o Grupo Popular presentará unha iniciativa para que "as políticas públicas dende o Concello coiden o pequeno comercio en toda a cidade", solicitando “a posta en marcha dun Plan de apoio así como reactivar a Mesa de Comercio Local como canle de cooperación coa administración”.

A popular tamén afondou nas dificultades derivadas das obras de peonalización e os problemas de accesibilidade ao centro, que tamén afectan ao comercio de proximidade desta zona e, por extensión, á Praza de Abastos.

"Queremos saber en que punto está a tramitación da subvención de case 9.000 euros que o goberno local solicitou para conseguir o selo de Mercado de Excelencia". Así, explican que esta axuda da Xunta publicouse na orde da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración do 9 de xullo de 2024 e o día 27 de setembro notificábase ao Concello de Lugo a concesión desta achega por un importe de 8.780 euros, así como o 6 de novembro a área de Participación do BNG contratou un estudo por un importe de 10.000 euros para optar ao selo de Mercado Excelente.

Por iso, dende o Partido Popular consideran "imprescindibles para o dinamismo e a economía da cidade tanto aos placeros como ao resto de emprendedores do comercio de proximidade", polo que fan un chamamento a que a veciñanza merque no comercio local este Nadal.

0.17522096633911