O PP de Lugo pedirá unha reunión coa Valedora do Pobo para abordar a "falta de transparencia no Concello"
O Grupo Municipal Popular anunciou que pedirá unha reunión coa Valedora do Pobo para abordar a "preocupante falta de transparencia no Concello de Lugo".
Mar Carballas afirmou que “un goberno responsable debe render contas, facilitar o diálogo e actuar con rigor. Lugo merece unha xestión seria e transparente" e reflexionaba sobre as trabas que ten o Partido Popular á hora de acceder a expedientes.
Así, explicou “as reiteracións continuas de peticións de documentación; os incumprimentos na publicación de contratos menores ou a negativa a compartir información de asuntos moi importantes para o desenvolvemento da cidade”.
Das 96 solicitudes de petición de información rexistradas dende setembro ata a actualidade, 50 delas non se atenderon en prazo o que supón que nunha porcentaxe de 52,08 % non se facilita a documentación nos 5 días de prazo que teñen por normativa (ROMP - Regulamento órganico municipal).
Desde o mes de marzo, "o goberno local non publica os contratos menores no portal municipal, incumprindo a obrigación de facelo trimestralmente segundo a normativa vixente", explican os populares.
Esta opacidade, critican, "dificulta o control público e incrementa as sospeitas sobre o uso abusivo destes contratos para xestións que deberían resolverse mediante outros procedementos máis transparentes. Dificultades para analizar documentos".
Por outra banda, din que as contas do San Froilán 2023 foron solicitadas ata cinco veces sen éxito, situación que levou ao grupo popular a abandonar a Comisión de Festas e pedir o amparo da Valedora.
Ademais, tamén se encargou en 2022 e por valor de 47.795 euros un informe sobre as Zonas de Baixa Emisións. "É imprescindible coñecer este documento para evitar improvisacións e avanzar en solucións consensuadas para a mobilidade no recinto amurallado" explicaron.
Tamén din que O goberno local non compartiu o borrador final da ordenanza definitiva de terrazas coa oposición, "dificultando o debate necesario para chegar a acordos".
Finalmente, denuncian que "se negou o acceso ao acordo co subdelegado de defensa anunciado polo concelleiro no pleno polos terreos na contorna do campo de fútbol das Gándaras, remitindo á oposición directamente ao Ministerio, "nun claro exemplo de falta de colaboración", conclúen.