O PP de Lugo pediu ao Goberno local que estude rebaixar o imposto de rodaxe

O Partido Popular de Lugo presentou unha proposición para ao pleno de decembro na que solicitaba que se estude rebaixar o imposto de rodaxe xa que, neste momento, "o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica en Lugo é un dos máis caros de Galicia", explican.
Así, Elena Candia poñía un exemplo gráfico para demostrar esta proposición: en Lugo por un vehículo tipo de entre 16 e 19 cabalos págase 154, 72 euros de rodaxe, mentres en concellos como Palas de Rei, a mesma taxa é de 93,46 euros. Esta diferenza leva a que moitos veciños opten por censar os seus vehículos fóra de Lugo".
Segundo datos de Aprevar, 3.000 vehículos están censados noutros concellos, o que supón unha perda de ingresos estimada en 300.000 euros anuais. De feito, a voceira destacou que, por intentar recadar 464.000 euros con impostos altos, "Lugo acaba sen ingresar nada porque os veciños optan por tributar noutros municipios".
"Esta política de suba de impostos leva a que nunca se acaden as previsións orzamentarias do goberno xa que dende o ano 2021 a previsión foi de recadar 6 millóns de euros por este imposto e nunca alcanzou nin os 5 millóns.
OUTRAS PETICIÓNS
Por outra banda, pediron que o Concello de Lugo poña de inmediato á disposición da Xunta de Galicia a parcela do antigo colexio do Sagrado Corazón para que se inicie a construción deste centro, mellorando así a atención sanitaria da zona.
Ademais, esixiron a posta en marcha dun Plan de Dinamización do Comercio Local, que contemple "accións concretas" para apoiar aos comerciantes, así como reactivar a Mesa de Comercio Local como canle de cooperación coa administración.
E a outra das peticións foi que o Concello de Lugo poña en marcha un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para abrir as instalacións deportivas escolares fóra do horario lectivo, co apoio dos Consellos Escolares e direccións dos centros educativos. "Esta proposta tamén contempla a dotación de persoal cualificado e un proceso de diálogo cos centros, co fin de mellorar o uso das infraestruturas e satisfacer as necesidades da comunidade deportiva", concluíron.