O PP de Lugo pide a renovación dos pavimentos de caucho nos parques

LugoXa
O PP solicita a renovación dos pavimentos de caucho de varios parques infantís. Presentará un rogo no seguinte pleno
estado parques infantis pp lugo
18 Xul 2023

No vindeiro pleno o PP presentará un rogo no que solicita a renovación do pavimento de caucho dos parques infantís da cidade xa que en moitos deles o pavimento, que tería que ser continuo, presenta fendas de varios centímetros de profundidade que poñen en risco a seguridade da rapazada.

Os veciños manifestaron que zonas de xogo como a do Parque Marcos Cela, ou Aquilino Iglesias Alvariño están en moi mal estado.

Tamén na Praza de Alicante están molestos porque como consecuencia das obras deste espazo retiraron a zona de xogos prometéndolles un novo parque. "Pasaron meses dende que se repavimentou a praza e seguen sen novas do parque infantil que comprometeron", din.

Outro punto no que solicitan a reparación do peche do recinto de xogos é no parque que está nas inmediacións da Escola Ramón Falcón. Así mesmo hai varias demandas de usuarios relativas a arranxar a zona de Campo Castelo, pero neste caso xa está licitado o proxecto de mellora co que as obras deberían estar a punto de comezar.

"Todas estas peticións chegaron ao Grupo Popular a través do servizo de 618 626 902 e tal e como nos comprometemos daremos traslado ao goberno local das demandas veciñais co ánimo de que se resolvan da forma máis áxil posible", explican.

A concelleira popular Mar Carballas lamenta a falta de previsión, por parte do goberno local, co mantemento deste tipo de infraestruturas que cando teñen máis uso é durante o verán “é un fallo que non fixeran unha revisión previa para ter estes espazos, a estas alturas en bo estado de revista”.

0.092950820922852