O PP de Lugo pide abrir as instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo
O Partido Popular de Lugo pide ao Goberno local que asine o acordo da FEGAMP para abrir as instalacións deportivas dos centros educativos fóra do horario lectivo e piden que se mellore o mantemento das infraestruturas deportivas municipais como o campo de futbol de San Fiz.
"Non podemos seguir con parches e promesas. Lugo necesita infraestruturas deportivas dignas, e necesítaas xa. É hora de asumir responsabilidades e traballar xuntos polo futuro do deporte na nosa cidade", sostivo o concelleiro popular, Javier Vázquez.
Así, desde o PP instan a PSOE e BNG a que rectifiquen e acepten a proposición que xa expuxeran en 2023 para paliar a insuficiencia de infraestruturas deportivas, subliñando que “o goberno segue fallando unha e outra vez. As instalacións deportivas non son suficientes, os proxectos prometidos están paralizados e a falta de previsión xera un auténtico caos para os clubs e deportistas. Hoxe volvemos insistir: isto ten que cambiar xa", afirmou Javier Vázquez.
A proposición que se debaterá no vindeiro pleno inclúe medidas concretas e retoma o acordo marco asinado entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a FEGAMP, que podería aliviar a presión sobre as instalacións municipais.
"Este acordo foi rexeitado no seu momento por argumentos teóricos, pero a práctica demostrou que podía ser unha ferramenta útil para evitar o descontrol actual", engadiu.
O PP destacou exemplos concretos que reflicten esta "mala xestión", como o atraso do pavillón polideportivo da Garaballa, prometido en 2021 e "aínda sen avances significativos". E tamén denunciaron o caso do campo de fútbol do Polvorín, "onde as obras de renovación do céspede iniciáronse en plena tempada, forzando solucións improvisadas como trasladar aos clubs a campos en mal estado ou saturados".
Con todo, reiteran a disposición ao diálogo e á colaboración. "Aínda que a xestión do goberno foi deficiente, a nosa prioridade son os veciños e o deporte desta cidade. Hoxe volvemos tender a man para buscar solucións reais e consensuadas. Pero esiximos responsabilidade e vontade política para saír desta situación", subliñou o portavoz.