O PP de Lugo pide ampliar o prazo de alegacións ao Plan de Mobilidade

O PP de Lugo reclamou ao goberno local que amplíe o prazo para a presentación de alegacións ao Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), co obxectivo de garantir que a veciñanza poida estudar “con tempo e rigor” un documento que terá un impacto directo na vida diaria da cidade.
A voceira municipal, Elena Candia, explicou que solicitan unha prórroga de 10 días hábiles, tal como contempla a normativa, para facilitar a análise do plan e asegurar unha participación real.
Nas últimas semanas, o Grupo Popular desenvolveu unha campaña informativa nos barrios e con distintos colectivos sociais e profesionais para explicar o contido do plan e resolver dúbidas. “Nas sete reunións realizadas comprobamos un gran interese por coñecer os cambios propostos, así como preocupación e malestar polos efectos que poderían ter na mobilidade, no comercio e na vida diaria da veciñanza”, sinalou Candia.
A portavoz indicou que o PMUS é un documento técnico extenso e complexo que introduce modificacións importantes na circulación, no transporte público, no aparcamento e na organización do espazo urbano, polo que o prazo actual resulta insuficiente para que cidadáns, asociacións e sectores afectados poidan estudalo en detalle e presentar as súas achegas.
Candia destacou como exemplo a proposta de peonalizar a rúa Doutor Ochoa, unha das entradas principais ao barrio da Residencia e acceso ao PAC. “Non se pode aplicar unha peonalización automática cando afecta a un punto de atención sanitaria urxente. Aquí non hai nin xustificación nin avaliación clara de alternativas que garantan a rapidez na chegada dos servizos de emerxencia. Esta proposta debe revisarse con sentido común”, afirmou.
O Grupo Popular continuará coa súa campaña informativa nos barrios, e hoxe manterán un encontro na zona de San Roque e a súa contorna ás 20:30 horas, mentres que mañá celebrarán un encontro sectorial con representantes dos servizos de emerxencias.