O PP de Lugo pide ao Concello axilizar permisos para que as asociacións veciñais melloren os seus locais sociais

LugoXa
Os populares advirten de que a demora na tramitación pode provocar a perda de subvencións doutras administracións
local-social-A-Ponte-san-lazaro-Lugo
6 Sep 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha petición para que o Concello de Lugo acelere a concesión das autorizacións que precisan as asociacións veciñais á hora de executar obras de mellora nos seus locais sociais.

Segundo explican os populares, varias entidades dispoñen de axudas doutras administracións, mais necesitan cumprir prazos concretos para non perder estas subvencións.

Neste sentido, alertan de que a dilación indebida ou inxustificada na tramitación municipal podería supoñer a perda dos fondos e, en consecuencia, poñer en risco actuacións consideradas necesarias para a mellora de espazos que cualifican como fundamentais para a convivencia e a participación cidadá.

Por iso, o PP solicita que desde o Goberno municipal se adopten medidas que garantan a axilidade e resolución destas autorizacións, de maneira que as entidades poidan levar a cabo as melloras en prazo. Ademais, instan a que se dea traslado ás concellerías competentes para que os expedientes vinculados a subvencións doutras administracións sexan tramitados de forma preferente.

⚙ Configurar cookies
0.18139600753784