O PP de Lugo pide ao Concello os informes sobre a tala de árbores da rúa Montevideo
O Partido Popular considera unha burla á veciñanza unha carta na que o Goberno local fala de “confusión” con respecto á tala das árbores de rúa Montevideo recoñecendo que non fóra necesaria a súa corta. Para os populares resulta indignante que a escusa que se utiliza para xustificar a corta das árbores sexa que hai que eliminalas para non perder os fondos europeos manifestando que se podería ter feito un modificado do proxecto.
Deste xeito, explican que no anteproxecto da intervención dise, claramente, que se van manter as árbores e logo no proxecto deféndese a necesidade de renovalas pero sen xustificar o cambio. Por este motivo, defenden que o Goberno local non pode alegar descoñecemento, “xa que aprobou a intervención na xunta de goberno e logo para cortalas alegan que están enfermas”.
No PP lembran que non hai ningún informe municipal que avale esta corta e indican que, ata en dúas ocasións, se solicitou a documentación que acreditase que había que talar as árbores porque estaban enfermas. Ademais denuncian que nin ao escrito rexistrado en decembro, nin na comisión que se celebrou en xaneiro facilitaron este documento. Neste senso e polas “continuas contradicións e falta de transparencia”, reiteran a petición de que se lles facilite os informes técnicos que haxa sobre esta cuestión.
“Non é crible que Europa financie obras onde se priorice o cemento en lugar de zonas verdes, non é crible que se tivesen que eliminar árbores porque se poñen en perigo os fondos europeos para algo existen os modificados de proxectos”, conclúen.