O PP de Lugo pide ao goberno local unha pantalla xigante para ver a Eurocopa feminina

O Grupo Municipal Popular solicita ao goberno de Lugo que instale unha pantalla xigante este domingo, nunha ubicación céntrica que se considere axeitada, para que a cidadanía poida seguir en directo a final da Eurocopa feminina que disputará a selección española fronte a Inglaterra, a partir das 18.00 horas.
Hai que lembrar que as xogadoras da selección poden proclamarse este domingo, por primeira vez na historia, campioas de Europa, “un fito que merece ser vivido como unha festa colectiva, á altura do talento, do esforzo e da ilusión que representa este equipo para toda España”.
“É tamén unha oportunidade para demostrar con feitos que a igualdade avanza, e que unha selección absoluta, sexa masculina ou feminina, merece o mesmo apoio e visibilidade institucional cando disputa un partido tan importante como este”.
O PP de Lugo súmase así á petición xa realizada por outros grupos populares en cidades como Ourense e A Coruña, e anima ao goberno local a poñer todos os medios para que a final poida ser vivida nas rúas.