O PP de Lugo pide explicacións ao Goberno local sobre a calidade da auga

LugoXa
Os populares queren saber por que o Concello non ofrece información detallada sobre este asunto
pleno-Concello-de-Lugo-con-Miguel-Fernández
31 Mar 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo solicitará no vindeiro Pleno a comparecencia do Goberno local para que explique a falta de transparencia sobre a calidade da auga da billa na cidade.

Os populares queren saber por que o Concello non ofrece información detallada sobre este asunto, especialmente tras coñecerse sancións por deficiencias nos niveis de cloro nalgunhas mostras analizadas por Sanidade.

O partido destaca ademais unha coincidencia preocupante: o mesmo día que se coñeceu a sanción por falta de cloro, o Concello adxudicou o contrato á empresa encargada das análises da auga. A licitación deste contrato abriuse en xuño de 2024, pero a resolución atrasouse un ano. Durante este tempo, producíronse incidencias graves, como o brote de lexionela nas Caldas en setembro de 2024 e as deficiencias nos niveis de cloro en marzo de 2025, algo que incrementa a preocupación e urxe aclaracións.

Os populares subliñan que a calidade da auga é un asunto fundamental para os cidadáns e que estes merecen explicacións claras. "Non se trata de alarmar, senón de ser rigorosos e contundentes diante das inquedanzas da cidadanía", afirman.

Esta será a terceira vez que o PP solicita unha comparecencia para tratar temas de interese xeral. Con anterioridade, os seus intentos foron rexeitados polos votos en contra dos oito concelleiros do PSOE e dos cinco do BNG, que impediron debates sobre o conflito laboral na Escola Infantil Gregorio Sanz e sobre o brote de lexionela.

"Os lucenses merecen que o seu goberno dea a cara e non esquive as súa responsabilidades. Agardamos que nesta ocasión voten a favor e non volvan negar a transparencia", concluíron desde o PP.

⚙ Configurar cookies
0.17909908294678