O PP de Lugo pide melloras na rúa Paulo Fabio Máximo

O PP de Lugo recolle as reivindicacións da veciñanza da rúa Paulo Fabio Máximo, centradas en mellorar a limpeza, a accesibilidade e a seguridade viaria nunha zona con elevado tráfico que conecta a Avenida da Coruña coa Avenida Infanta Elena.
Unha das principais preocupacións é a escaseza de prazas de aparcamento, sobre todo cando coinciden cos vehículos dos feirantes durante o San Froilán e outras festas do ano. Segundo destacan, “os residentes ven reducidas as súas posibilidades de aparcar durante semanas, sen que o Concello lles ofreza alternativas”.
Os populares tamén solicitan un reforzo na limpeza das beirarrúas, zonas verdes e parques infantís, que presentan acumulación de maleza e falta de mantemento, así como a limpeza de sumidoiros tupidos para evitar inundacións. Ademais, a veciñanza demanda a reubicación dos colectores de lixo e a reparación dos rebaixes das beirarrúas, moi deteriorados e que dificultan o tránsito de persoas con mobilidade reducida.
En materia de seguridade viaria, o PP reclama rematar a beirarrúa inacabada no lado dos edificios, sinalizar correctamente a preferencia na incorporación á rotonda de Infanta Elena, un punto especialmente conflitivo, e reparar unha tapa de alcantarillado na calzada que supón un perigo para condutores e peóns.
Finalmente, o Grupo Popular solicita reforzar as liñas de autobús L3 e L4 nos días de maior afluencia ao Banco de Alimentos, servizo ao que acoden moitos usuarios e voluntarios, “porque o transporte público tamén debe adaptarse ás necesidades reais da xente”.