O PP de Lugo pide no pleno avanzar no Plan Paradai e habilitar un aparcadoiro de camións nas Gándaras
O Partido Popular defenderá no pleno avanzar no Plan Paradai, crear un convenio colectivo propio para as persoas que limpan os edificios do Concello, habilitar un aparcadoiro seguro para camións no polígono das Gándaras e axilizar as bases do programa para captar fondos europeos para rehabilitar 57 inmobles no casco histórico.
En canto ás preguntas, solicítase información sobre o uso da parcela do Castiñeiro onde antes se prevía vivenda pública; o estado de 2 licenzas na rúa Catedral cuxos proxectos se presentaron hai 16 meses a mellora da atención en urbanismo ou o futuro do Parque Infantil de Tráfico. Tamén se pedirá o arranxo de deficiencias na praza de Abastos, no parque de Rosalía e na rúa Barbeito así como medidas para reorganizar o tráfico e aparcamento na Calzada da Ponte.
Sobre o Plan Paradai, pedirán que tanto Concello como CHMS axilicen os trámites de licitación e de execución desta infraestrutura. “A veciñanza merece que se acabe esta infraestrutura que suporá un revulsivo para a zona”. A proposta do Partido Popular dun convenio propio para as persoas encargadas da limpeza no Concello chega logo de que o sector, tras 130 días de folga, acadase un acordo do convenio provincial coa patronal.
Aparcadoiro par 150 camións
Por outra banda, queren habilitar un aparcadoiro público seguro para 150 camións nas Gándaras. Esta iniciativa, que conta co respaldo do sector, ten por obxecto acondicionar unha parcela de 20.000 m2 que é propiedade do Concello, e dotala con peche perimetral, vixilancia e servizos destinados aos camioneiros e caminoneiras profesionais. Propoñen que Concello, Deputación e Xunta impulsen esta nova dotación no polígono e que os transportistas xestionen o espazo.
Por último, solicitan axilizar a tramitación das axudas para rehabilitar inmobles no casco histórico optando ás axudas do programa do Entorno Residencial de Rehabilitación Programada. Os populares alertan que se podería perder un millón de euros de fondos europeos para facer melloras enerxéticas en 57 inmobles do centro xa que hai que xustificar as obras en decembro e non están as bases redactadas para que as persoas interesadas opten a estas achegas.