O PP de Lugo pide reforzar a brigada municipal de augas para evitar fallos nos festivos e fins de semana
O PP pide a Alvarellos que escoite as súas propostas para garantir un servizo eficaz e evitar máis fallos na reparación de fugas nos festivos e fins de semana. Os populares insisten en que se reforce a brigada municipal tal e como solicitaron cunha emenda aos orzamentos de 2024 aclarando que “non poden dicir que non teñen recursos xa que nos últimos oito anos recadaron 26.6 millóns de euros de todos os lucenses polos recibos de auga e de alcantarillado”.
Os populares aseguran que están “defraudados pola nova contradición entre o discurso ecolóxico e as accións reais de Alvarellos e Arroxo” lembrando como “dende febreiro Lugo está sen un plan efectivo para solventar estas avarías”. Pregúntanse, ademais, porque “a pesar dos máis de 26,6 millóns de euros que se ingresaron polos recibos de auga e de alcantarillado, que pagamos todos os lucenses, no período comprendido entre 2015 a 2023 non se fixeron melloras neste servizo”.
Esta cifra despréndense, afirman, das liquidacións dos últimos oito anos polo que “o Goberno local non pode escusarse dicindo que non ten fondos para prestar este servizo”. Sosteñen que levan anos denunciando que PSOE e BNG “desmantelaron” a Brigada Municipal de Augas. “Non lles pagaron as horas extras; obrigáronnos a recurrir á xustiza; a plantilla era escasa e non estaba ben dimensionada”.
Co ánimo de reforzar esta brigada, os populares presentan unha Emenda aos orzamentos de 2024 para destinar fondos para reforzar o equipo contratando a máis persoal que non saíu adiante. Por outra banda, os populares destacan que o Concello tamén se enfronta a multas por vertidos ilegais como a que vén de recibir da CHMS ao concello de Lugo de preto de 33.874,62 euros por incumprimentos nunha autorización dun vertido no lugar de Fonda, en San Xoán de Pena por superar o caudal no punto horario fixado para o punto de vertido e ocasionar danos ao dominio público.