O PP de Lugo pide unha ordenanza para regular as instalacións deportivas

LugoXa
O PP defenderá no pleno que Lugo conte cunha ordenanza para regular o uso e acceso ás instalacións deportivas municipais.
26 Xul 2021

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Óscar Poy, defenderá no vindeiro pleno que Lugo conte cunha ordenanza municipal que regule o uso das instalacións deportivas municipais, que redundará nun mellor funcionamento das mesmas ao regularse normativamente o uso destas.

Óscar Poy ve necesario que o municipio conte cunha norma neste sentido xa que as instalacións deportivas municipais contan cun elevado número de usuarios e, proximamente, cando se abra o novo pavillón polideportivo da cidade será preciso ter unha norma que regule o uso de todas estas instalacións para evitar calquera problema. “É preciso que o goberno local se poña a traballar nesta materia de inmediato, un asunto xa aprobado en pleno no 2018 e 2019, ambas a iniciativa do PP, polo que non se entende esta demora inxustificada”, lamenta.

"A realidade é que no Concello de Lugo existe un importante tecido asociativo a nivel deportivo, entidades que desenvolven un importante traballo para o fomento do deporte, sobre todo, do deporte base que axuda á formación de novos deportistas e, do máis importante, persoas con valores", sinalan.

Óscar Poy defende que a demanda de dotacións municipais non se axusta á oferta existente, polo que é o momento de dar un paso adiante para dar resposta ás necesidades dos diferentes usuarios das instalacións deportivas e facer un regulamento que dea soporte á disposición dos diferentes pavillóns, pistas... “É preciso mellorar e incorporar novos espacios, pero tamén é preciso facer que os existentes sexan accesibles a todos os usuarios garantindo un criterio obxectivo que dea acceso aos mesmos, así como clarificar os dereitos e obrigas que teñen os usuarios das instalacións deportivas municipais”, afirmou.

0.19169187545776