O PP de Lugo pídelle ao Concello que infome sobre a cesión do treito da N-VI ao seu paso por Nadela

LugoXa
O grupo municipal do PP en Lugo pide ao Goberno local que informe das xestións realizadas sobre a cesión do treito da N-VI ao seu paso polo núcleo de Nadela.
NVI   Nadela
4 Feb 2024

O grupo municipal do PP en Lugo pide ao Goberno local que informe das xestións realizadas sobre a cesión do treito da N-VI ao seu paso polo núcleo de Nadela. “Hai un ano os socialistas afirmaban que estaban negociando co Ministerio pero seguimos sen prazos e sen novas sobre esta cuestión”, aseguran os populares.

En xaneiro de 2023, segundo sinalan, o Grupo Popular preguntou en que punto se atopa a cesión dun treito da N-VI ao Concello de Lugo, concretamente no tramo que transcorre por Nadela para darlle un tratamento urbano. Daquela o que contestaron foi que estaban “en plena fase de negociación e que estes contactos os levaba, de forma directa, Lara Méndez” aclarando que se “nos daría retorno das conversas co Ministerio”.

O Grupo Popular xa pediu en varias ocasións a humanización da N-VI xa que esta vía é unha das portas de entrada ao municipio. Neste sentido, o concelleiro Antonio Ameijide explica que “o feito de que a vía sexa nacional marca uns condicionantes máis estritos á veciñanza á hora de facer intervencións, ou simplemente para habilitar un paso de peóns”. Ameijide tamén recrimina “a falta de transparencia” sobre este asunto “ou ben é porque non fixeron nada durante anos e nos mentiron, ou ben, porque queren ocultar que o goberno central non lles fai caso pese a que son da mesma cor política”

Aseguran que o feito de conseguir a titularidade da totalidade do tramo da N-VI que transcorre polo municipio permitiría “avanzar na conexión da trama urbana da cidade coa zona fluvial, sempre tendo en conta a prioridade de preservar o entorno para o desfrute dos cidadáns”. O popular lembra como recentemente PSOE e BNG votaron no pleno en contra de algo tan simple como acender os farois propiedade do Ministerio na entrada de Lugo á altura, precisamente, de Nadela.

0.20986199378967