O PP de Lugo pídelle ao Goberno local arranxar o tellado dun edificio da Avenida da Coruña

O Grupo Municipal do Partido Popular vén de solicitar a convocatoria dunha xunta xeral extraordinaria de Evislusa co obxectivo de avanzar na recuperación do edificio situado no número 24 da Avenida da Coruña.
A petición busca garantir a execución das obras necesarias para mellorar a seguridade e as condicións de vida dos veciños, que levan máis de dúas décadas esperando solucións.
O PP defende que a súa prioridade é ser parte da solución e actuar con responsabilidade, tras escoitar as inquedanzas dos afectados. Por iso, instan ao goberno municipal a cumprir co decreto aprobado o pasado 26 de setembro de 2024, que permite actuar de maneira inmediata para arranxar o tellado con fondos públicos, pasando logo a factura ao propietario que deixou o inmoble sen cuberta. Este mecanismo, coñecido como execución subsidiaria, permite á administración intervir en situacións de abandono para garantir a seguridade e o benestar dos veciños.
Desde o Partido Popular consideran que é urxente actuar, pois o edificio leva anos sen tellado, o que provoca filtracións, humidades e un deterioro progresivo que afecta tanto aos residentes como aos edificios lindeiros. Ademais, o risco de desprendementos é unha ameaza constante para peóns e vehículos que circulan pola zona. Para os populares, a solución existe, pero falta vontade política para aplicala.
O PP tamén quixo sinalar que este non é un caso illado, e puxeron como exemplo un edificio na rúa Montero Ríos, onde o "goberno local segue derivando responsabilidades e evita compromisos claros". Segundo o grupo municipal, a acta da comisión recolle que, en relación a este edificio, o PP xa preguntara sobre a súa situación, que conta cun expediente de ruína desde 2023 e leva anos cun balado ocupando parte da beirarrúa. A propiedade solicitou a execución subsidiaria das obras de demolición polo Concello e actualmente estase tramitando.