O PP de Lugo presenta a súa nova organización logo da dimisión de Quique Rozas
Logo da dimisión de Enrique Rozas, que comunicaron onte, o Partido Popular deu conta da súa nova organización dentro do grupo municipal.
Así a figura de vicevoceiro pasará a Ramón Cabarcos, "unha persoa comprometida que vén traballando con rigor e tenacidade nas áreas de Rehabilitación e Urbanismo, dous eidos de gran importancia na actualidade lucense. Destaca a súa habitual presencia en todos os eventos destacados tanto na cidade como no rural", subliña Candia.
Asume a acta de novo concelleiro o seguinte integrante da lista electoral (o número 13), Damián Carballo, 36 anos, un xove empresario do sector da hostalería e unha persoa vinculada ao deporte e partícipe activo do Arde Lucus. Levará as áreas de Educación e Xuventude.
Elena Candia mantén o seu labor de voceira e as áreas de economía e cultura. Cristina Sanz levará Fondos Europeos, Lugo Transforma e asesoramento a empresas e emprendedores. Antonio Ameijide é o encargado de infraestruturas, mobilidade e medio ambiente. Javier Vázquez ocuparase de seguridade e deportes, que asume esta dedicación.
Encargada da zona rural segue a ser Flor Rubinos, mentres que Silvia Colmenero ocupa as áreas de comercio, industria, consumo e economía sostible.
Completan a representación, Agustín Gallego con turismo, Aurora Goás con muller e igualdade e Gustavo Díaz con benestar social, migración e voluntariado.
Mar Carballas dedicarase a recursos humanos, atención á infancia e sumará a área de participación.