O PP de Lugo presenta máis de 130 propostas aos orzamentos de 2026

O Grupo Popular de Lugo presentou máis de 130 propostas aos orzamentos municipais de 2026, que cualifica de “realistas e centradas nas demandas da veciñanza, co obxectivo de mellorar a calidade de vida nos barrios e parroquias de Lugo”.
A voceira popular, Elena Candia, lembrou que estas achegas chegan nun contexto no que o plan de investimentos do Concello dos últimos tres anos apenas se executou, e defendeu que o PP presenta un modelo alternativo para activar a cidade.
Entre 2023 e 2025, o Concello anunciou un plan de investimentos de 26,1 millóns de euros con 184 actuacións previstas. Segundo Candia, só se executaron 6,6 millóns, menos de tres de cada dez euros comprometidos, quedando sen executar preto do 75 % do plan, o que evidencia “a incapacidade do goberno local para transformar en feitos o que promete en titulares”.
Das 184 actuacións, só se levaron a cabo 35, entre as que destacan proxectos pendentes moi demandados pola cidadanía, como o novo pavillón polideportivo, a mellora da entrada pola Fervedoira, a reparación da rúa Fermín Rivera, a mellora das instalacións da Protectora de Animais, ou os plans de saneamento e abastecemento en parroquias como Esperante.
Candia destacou que moitas das achegas presentadas precisan pequenos investimentos, pero tamén inclúen proxectos estratéxicos e innovadores, como o Plan Zero18, dirixido á poboación infanto-xuvenil, así como reforzos no orzamento para intervencións que melloren a mobilidade e accesibilidade, como a unión do barrio da Estación co centro ou a creación dunha rede de aparcamentos en altura en distintos barrios.
Os populares solicitan tamén o cumprimento do acordo plenario de xullo de 2025 sobre a supresión da plusvalía e a bonificación do IBI nas áreas de expansión, actualmente consideradas solo urbano sen posibilidade de construír.
A voceira popular insistiu na necesidade de reforzar o persoal, lembrando as saturacións habituais no rexistro e a diferenza de máis de 4,2 millóns de euros entre o presuposto e a liquidación do capítulo de persoal en 2024. “Non se trata de presentar unha lista de promesas, senón de poñer enriba da mesa achegas realistas, posibles e necesarias para que Lugo avance. Queremos feitos, non máis anuncios”, concluíu Candia.
Resumo das iniciativas do PP de Lugo para os orzamentos de 2026
Bloque 1: Lugo para as persoas
- Conciliación e benestar: Creación do Programa Zero-18 para protección e orientación de menores e familias, rede 818 contra acoso escolar e ciberacoso, plan local de saúde mental, servizo SAF “Aloumiñar” para coidado de menores, dotacións de coidado infantil en As Gándaras, cubertas e renovación de parques infantís, mantemento de colexios públicos, apertura de instalacións deportivas escolares fóra do horario lectivo.
- Valor sénior: Centro interxeracional no Castiñeiro, Oficina do Maior, cambiadores inclusivos, investimentos en linguaxe sinxela, dotación de medios aos centros sociais.
Bloque 2: Lugo máis seguro
- Tráfico e mobilidade: Ascensor e escaleiras mecánicas entre a Estación e o centro, aparcadoiros en altura e soterrados, apertura de rúas e pasos peonís, plan de tráfico en barrios, taxi a demanda para parroquias, plataforma loxística de carga no casco histórico.
- Seguridade: Cámaras de videovixilancia en zonas sensibles e monumentos, delegación da Policía Local, oficinas de asesoramento e mediación veciñal, mellora da iluminación nos barrios.
Bloque 3: Lugo motor da provincia
- Cidade creativa: Actuación na envolvente do Cuartel de San Fernando, reforzo da marca Lugo, promoción dos Patrimonios da Humanidade, mantemento de museos e salas municipais, programación estable en auditorio e biblioteca, impulso á Escola de Música e Banda Municipal.
- Rural moderno: Plan integral de saneamento e abastecemento, servizo de vaciado de fosas sépticas, ordenación da terra e plan fiscal rural, taxi a demanda, asfaltado e desbroces, reparación de pontes, dinamización de parroquias.
- Infraestruturas: Evitar inundacións, humanización de rúas e beirarrúas, saneamento, recuperación de parques, creación de zonas de baño no río Miño, mellora de polígonos industriais e dotación de puntos de recarga para vehículos eléctricos.
- Concello próximo: Reforzo de plantillas, telelectura de contadores, modernización de edificios e Praza de Abastos, apoio a comercio e protectoras de animais, creación de oficina para migrantes, gratuidades no transporte urbano, Consorcio de dinamización do casco histórico.
- Urbanismo: Rehabilitación de barrios (Feijoo, A Milagrosa, A Ponte, O Carme), actualización de PXOM e PEPRI, desenvolvementos urbanísticos bloqueados, excavacións arqueolóxicas, inventario de camiños rurais e supresión de tapóns urbanísticos.
- Universidade: Plan “Lugo Cidade Universitaria”, vivenda asequible, bolsas de estudo, programación cultural e Cátedra de xestión cultural.
- Deportes: Novo pavillón polideportivo, recuperación de espazos históricos, cubertas de instalacións, mellora de parques e complexos deportivos, mantemento e modernización de pistas e campos, plan de mellora do pavillón municipal e aparcadoiros deportivos.