O PP de Lugo presenta un decálogo de propostas para mellorar a mobilidade
Coincidindo coa celebración da semana europea da mobilidade, que se celebra do 16 ao 23 de setembro, os populares de Lugo presentaron un documento cos desafíos que ten Lugo en materia de mobilidade e aseguran que a política do Goberno local suspende "tralo fiasco do carril bici, a supresión de aparcadoiros e un transporte público que non soluciona".
Os populares cren que a celebración do día sen coches que se vén de anunciar por parte do bipartito “é un paripé de cara á galería” e esixen actuacións "serias e planificadas" para facer de Lugo unha cidade sostible e accesible xa que “o 22 pasará como sempre, coma se se tratase dun día calquera e ao día seguinte os lucenses seguirán cos mesmos problemas de mobilidade".
Piden que se actualice o plan de mobilidade e deixar de planificar intervencións urbanas que minorizan o espazo para estacionamento de vehículos.
Tamén cuestionaron infraestruturas como o carril bici "que non incrementou o número de ciclistas" ou a reforma dos autobuses urbanos "que vai camiño de dous anos e non cumpriu o obxectivo de incrementar o número de usuarios”
DEZ DESAFÍOS
O PP presenta solucións a través de novas infraestruturas como habilitar máis parkings disuasorios no centro e barrios tanto en terreos municipais como a través de convenios con propietarios de solares sen uso. Trataríase dunha cesión temporal e o concello asumiría a limpeza e o mantemento. Ademais do deseño de aparcamentos en altura en puntos axeitados da trama urbana ou recuperar ou rendabilizar o contrato asinado con Red.es para poñer en funcionamento o sistema Smarcity de xestión intelixente do aparcamento.
Sobre transporte público apostan polo redeseño de rutas de autobuses para mellorar os traxectos e integración das liñas de bus en Google Maps para ver as liñas en tempo real; a gratuidade dos autobuses urbanos para distintos perfís e a posta en marcha dun servizo de taxi a demanda para reforzar a cobertura da zona rural.
Para a xestión da mobilidade propoñen implantar un sistema de rotación de vehículos en zonas con dificultades de aparcamento; bonificación do aparcamento nos parkings do casco histórico ou das inmediacións do recinto histórico para apoiar ao comercio local
Redeseñar e mellorar as zonas de carga e descarga e poñer en marcha solucións eficientes para a distribución no casco histórico e outras zonas peonís do municipio como podería ser o uso de carretillas ou vehículos eléctricos así como a creación de puntos de recarga.
Con respecto á organización os populares insisten en reclamar que a policía local participe no deseño os planes de tráfico, algo que debería ser o normal pero que en Lugo como hai dous gobernos diferentes que actúan de forma independente non se produce esta cooperación así como a municipalización da sala de control de tráfico; apertura de Parque Infantil de Tráfico para organizar actividades divulgativas de educación vial