O PP de Lugo presenta un proxecto de humanización para Nadela

LugoXa
O obxectivo desta iniciativa é mellorar a seguridade, a accesibilidade e a calidade de vida nesta zona, que continúa dividida por unha estrada nacional que perdeu a súa función de alta capacidade
proxecto-de-humanización-Nadela-PP
17 Feb 2025

O Partido Popular de Lugo vén de presentar un proxecto para a humanización da travesía da antiga N-6 ao seu paso por Nadela, unha actuación longamente demandada polos veciños.

O obxectivo desta iniciativa é mellorar a seguridade, a accesibilidade e a calidade de vida nesta zona, que continúa dividida por unha estrada nacional que perdeu a súa función de alta capacidade.

Os populares instan ao goberno local a informar sobre as xestións realizadas co Ministerio de Transportes para o traspaso desta vía. Lembran que, a pesar de que o executivo municipal recoñeceu en comisións que se estaban mantendo negociacións co Ministerio, os anos pasan sen avances reais.

Xa en setembro de 2023, o PP levou o tema ao Pleno municipal, esixindo un impulso nas xestións co Goberno central. En 2024 conseguiuse unanimidade para incluír Nadela nun plan de mellora dos accesos a Lugo, pero ata o momento seguen sen novidades.

Un proxecto integral de transformación urbana

A proposta presentada polo PP inclúe medidas concretas para mellorar a travesía, entre elas, a construción de beirarrúas axeitadas, a instalación dunha iluminación eficiente, a creación de zonas verdes e mobiliario urbano e a redución dun dos tres carrís actuais para habilitar unha zona de aparcadoiro.

O grupo municipal tamén reclama a reparación urxente dunha tubaxe de saneamento que verte augas residuais sen tratar, o que xera contaminación, malos cheiros e unha proliferación de insectos na zona. “O goberno local presume de ecoloxista, pero na práctica non é capaz de canalizar un tramo de apenas 100 metros”, critican dende o PP.

A revitalización de Nadela tamén pasa pola recuperación da súa carballeira, un espazo emblemático que acolle a única feira tradicional do Concello de Lugo. “É un punto de encontro para a veciñanza e unha parte fundamental da identidade da zona. Queremos que recupere o seu esplendor e se converta nun referente para os residentes e para todos os lucenses”, sinalan os populares.

En materia de mobilidade e seguridade viaria, a proposta inclúe a mellora da iluminación na rotonda que conecta a A-6, a A-54, a LU-546 e o corredor Sarria-Monforte; a instalación de redutores de velocidade e pasos de peóns, a eliminación de sinalización en desuso e a ampliación do percorrido do autobús urbano para que chegue ata a rotonda.

Ademais, os veciños solicitan a recuperación da toponimia tradicional da contorna, reforzando así a identidade histórica de Nadela.

Con este proxecto, o PP busca transformar Nadela nun espazo máis habitable, seguro e atractivo, respondendo ás demandas veciñais e instando ao goberno local a actuar con maior celeridade.

0.16638612747192