O PP de Lugo presentará 12 iniciativas no próximo pleno municipal
O Partido popular de Lugo levará un total de 12 iniciativas, entre proposicións, rogos e preguntas, ao próximo Pleno, que terá lugar este xoves.
A primiera proposta que presentarán será deseñar plans específicos de seguridade en diferentes zonas da cidade e a instalación de cámaras de videovixilancia en zonas sensibles do municipio. Tamén pedirán mellorar o mantemento da rede de drenaxe para evitar inundacións en puntos negros da cidade, co redeseño de vías ou modificar tamaño, formas e número de sumidoiros.
Propoñen tamén renovar a rede de subministro de auga no polígono do Ceao. Os informes técnicos aconsellan esta actuación tralo incendio que tivo lugar na zona hai case 3 anos; ademais de reclamar ao Goberno de Madrid que Lugo "deixe de ser a cidade peor comunicada de España". Por iso piden conexión coa alta velocidade, a reconstrución urxente viadutos da a-6, o remate das autovías con Ourense, Santiago, a da Mariña e a de Ponferrada-Monforte, ademais da mellora do mantemento das estradas nacionais.
Engaden catro rogos que consisten en analizar e corrixir de forma urxente as deficiencias detectadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil para desbloquear a aprobación definitiva do Plan Xeral de Lugo. Tamén queren mellorar, de forma provisional, as instalacións da protectora de animais mentres non se acomete o proxecto definitivo que quedou paralizado pola perda dunha axuda europea.
O terceiro dos rogos consiste en identificar de forma visual con sinais os 3 patrimonios da humanidade incluíndo Lugo no catálogo de destinos do sistema de sinalización turística que invitará aos que circulan por estradas nacionais para que visiten a Muralla, a Catedral e o Camiño Primitivo.
Finalmente reclaman adoptar medidas para recuperar a Banda Municipal de Lugo, "do futuro incerto da agrupación pola incapacidade do Goberno local de solucionar os conflitos laborais e de nomear a un director condenan aos lucenses a quedar outro ano máis sen escoitar a súa música".
PREGUNTAS
O PP preguntará sobre a previsión para a rehabilitación do Cuartel de San Fernando "tras perder unha achega económica millonaria e renunciar a novas liñas de axudas europeas"; sobre a situación dos trámites para poñer a disposición da Xunta a parcela para construír un novo centro de saúde para o barrio do Sagrado Corazón.
Demandarán información sobre en que punto está a solicitude para instalar cámaras de videovixilancia no Leiraparking do HULA para "evitar ás extorsións dos gorrillas", e sobre as solucións para evitar os problemas de inundacións que se rexistran cando chove de forma intensa na rúa Lamas de Prado confluencia con Juana La Loca e Ramón Beberide.