O PP de Lugo presentou un Plan Integral de Mellora da Xestión da Auga

LugoXa
O concelleiro popular, Antonio Ameijide, criticou que "mentres noutras cidades avanzan cara a unha xestión sostible, aquí seguimos cun servizo desmantelado e sen solución"
Fuga-de-Auga-Serra-de-Meira-Lugo
26 Feb 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo presentou un Plan Integral de Mellora da Xestión da Auga co obxectivo de solucionar os problemas de cortes constantes, fugas masivas e a falta de abastecemento no rural.

O concelleiro popular Antonio Ameijide criticou que "mentres noutras cidades avanzan cara a unha xestión sostible, aquí seguimos cun servizo desmantelado e sen solución".

Ameijide denunciou que os principais contratos vinculados á xestión do ciclo da auga en Lugo levan 14 anos caducados, sen que se presentara unha solución viable por parte do goberno local.

O servizo municipal de augas, tanto na parte administrativa como na brigada de brigada, atópase nunha situación crítica, con falta de persoal e recursos.

"Non só se desmantelou o persoal municipal de augas, senón que tamén hai unha ausencia total de planificación para renovar a rede de abastecemento e saneamento. Como consecuencia, as avarías son constantes e os lucenses ven como os seus barrios quedan sen auga durante horas ou incluso días", afirmou o concelleiro do PP.

"Non podemos deixar sen auga a rúas enteiras durante días porque non hai servizo municipal que o resolva a tempo. É unha cuestión de planificación, responsabilidade e compromiso coa cidade", concluíu Ameijide.

El Plan Integral

Ante a situación actual, o Partido Popular propuxo un Plan Integral de Mellora da Xestión do Ciclo da Auga, que inclúe unha serie de medidas para resolver os problemas estruturais que afectan ao servizo.

O Plan Integral de Mellora da Xestión do Ciclo da Auga contempla a licitación urxente dos contratos de xestión das ETAP e EDAR; o reforzo inmediato do persoal municipal, tanto na brigada de augas como no servizo administrativo e de lectura de contadores; a garantía de reparación de avarías 24 horas, os 7 días da semana, evitando que os veciños queden sen servizo durante longos períodos de tempo; un plan de control e a reparación de fugas para reducir o desperdicio de auga potabilizada; a renovación progresiva das tubaxes de fibrocemento, priorizando as zonas máis afectadas; a dotación progresiva de abastecemento e saneamento ao rural, garantindo o acceso á auga potable para todas as parroquias de Lugo; a creación dun servizo municipal de limpeza de fosas sépticas para aqueles veciños que aínda non dispoñen de saneamento; e o fomento do uso de auga reciclada para rego, baldeos e usos industriais, recuperando o sistema de reutilización de auga que leva 14 anos sen usarse en Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.15590000152588