O PP de Lugo propón anticipos nos convenios coas asociacións

LugoXa
O Grupo Popular presenta unha iniciativa a pleno na que se solicita que se permitan anticipos de subvencións ás entidades do tecido asociativo
concello-de-lugo
24 Xuño 2024

O Grupo Popular presenta unha iniciativa a pleno na que se solicita que se permitan anticipos nos convenios que asinan coas entidades do tecido asociativo argumentando que “esta medida é crucial para asegurar que as asociacións poidan dispor da liquidez necesaria para levar a cabo os seus proxectos”, aclaraba o edil Gustavo Díaz.

Dende o PP lembran que esta petición “xa a fixemos chegar ao goberno local cando presentamos as emendas aos orzamentos deste ano”. O que se reclamaba era que se contemplase esta posibilidade nas Bases de execución dos mesmos dado que é algo que tampouco se contempla, nin na Ordenanza xeral municipal reguladora da concesión de subvencións do Concello de Lugo, nin tampouco no seu plan estratéxico.

O popular explica que a Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, no seu artigo 34.4, contempla a posibilidade de realizar pagamentos anticipados que suporán a entrega de fondos con carácter previo á xustificación para poder levar a cabo as actuacións inherentes aos convenios. Gustavo Díaz explica que “a mala planificación deste bigoberno” repercute nas asociacións que “que se están vendo obrigadas a soportar unha carga financeira que lles supón esforzo extraordinario para poder facer fronte aos gastos de funcionamento das súas entidades”.

Outra cuestión que preocupa aos populares son “os retrasos nos ingresos das subvencións municipais que se lles conceden, e que están debidamente xustificadas”. Os populares agardan a que o goberno local teña en conta esta proposición e aproveitan tamén para pedir unha maior colaboración co tecido asociativo no senso de que se actualicen os importes das achegas municipais nominativas outra petición desoída que xa levamos a pleno no pasado mes de decembro.

0.15626883506775