O PP de Lugo propón crear prazas de estacionamento exprés próximas ás farmacias

LugoXa
O PP propón crear prazas de estacionamento exprés próximas ás farmacias.
pp_lugo Colexio Farmacéuticos
16 Abr 2024

O PP propón crear prazas de estacionamento exprés próximas ás farmacias. A iniciativa conta co respaldo do Colexio de Farmacéuticos cuxos colexiados participaron nun encontro coa voceira do Grupo Popular, Elena Candia onde presentou a iniciativa que levarán a pleno

“Tratase dunha petición, viable dende o punto de vista legal, que facilitará á cidadanía a compra de medicamentos de forma rápida”, recalcando que “coas dificultades de estacionamento que hai en certas zonas da cidade a veciñanza precisa de solucións para garantir o acceso as farmacias”.

O grupo municipal presenta a iniciativa a pleno para que se realicen os trámites precisos para reservar prazas de aparcadoiro “áxiles” nas inmediacións das oficinas de farmacia da cidade. Os populares explican que “a permanencia do vehículo nestas prazas exprés se limitaría ao tempo que levase a compra do medicamento”, engadindo que “deste xeito se resolvería o problema das persoas que acoden con urxencia a unha farmacia e non atopan espazo onde deixar o seu vehículo”.

A petición dos populares está avalada pola lexislación vixente. Concretamente pola Lei 3/2019 de ordenación farmacéutica de Galicia que no seu artigo 13 establece que as oficinas de farmacia son “establecementos sanitarios privados de interese público integrado na atención primaria” e no 16 que “terán acceso directo, libre e permanente dende a vía pública ou dende zonas de uso colectivo á zona de dispensación e atención ás persoas usuarias”.

Dificultades na avenida da Coruña ou en Ramón Ferreiro

No RD 1056/2014, que regula o uso das tarxetas para persoas con discapacidade, establece que se reservarán prazas en servizos e establecementos sanitarios. Ademais a propia Constitución Española recoñece “o dereito á protección da saúde e determina que compete aos poderes públicos organizar e tutelar a saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servizos necesarios”.

Por iso, piden que o Concello de Lugo estableza os medios precisos para facilitar o aparcamento nas inmediacións das oficinas de farmacia. Os populares explican que das 48 oficinas de farmacia distribuídas ao longo da cidade hai algunhas onde é moi complicado estacionar como por exemplo no barrio da residencia, na avenida Ramón Ferreiro, na da Coruña ou no barrio da Milagrosa, entre outros.

Por outra banda, na xuntanza co Colexio de Farmacéuticos a directiva referiuse á necesidade de contar cun interlocutor no Concello para os colexiados poidan colaborar en cuestións relacionadas con problemáticas relacionadas con servizos sociais como pode ser a detección de casos de persoas que sofren soidade non desexada. Tamén reclamaron que puideran formar parte de diferentes órganos de participación como pode ser o Consello Económico e Social.

0.19507694244385