O PP de Lugo propón para os vindeiros festivos un itinerario por edificios abandonados
Os populares presentaron este luns, diante da Fábrica da Luz, un mapa onde localizan "edificios abandonados, espazos sen utilidade ou perdidos, e mesmo mobiliario urbano que non serve para nada" e que está "diseminado por toda a cidade”, para que os lucenses participen na coñecida como 'Urban Exploration'. Este mapa, explicou o voceiro municipal do PP, Ramón Carballo, "serve para visibilizar a falta de planificación, a desidia e os despropósitos" do goberno local.
Como outros edificios industriais “fantasmagóricos e ideais para a práctica do Urbex" sinalaron o vello matadoiro e a vella depuradora, que están en Conturiz, ou a antiga potabilizadora, en Meilán. Tamén as torres do Garañón, “unha edificación que a alcaldesa prometeu derrubar e converter en zona verde pero que segue aí, como un muro inalterable por tempo indefinido, dado que non figura nin un euro nos orzamentos deste ano para a súa derriba”.
O percorrido polos edificios abandonados de Lugo que propón o PP tamén pasa polo novo auditorio da cidade, en Magoi, porque leva catro anos acabado e aínda “seguimos sen saber para cando teñen previsto abrilo”, o anfiteatro do campus e o Cuartel de San Fernando.
MOBILIARIO URBANO ABANDONADO
Os elementos de mobiliario urbano “abandonados e diseminados por toda a cidade” tamén forman parte desta iniciativa “para facer un tipo de turismo diferente pola cidade”, porque “temos os 63 parquímetros de ORA destartalados e ocupando a vía pública, cinco bases inútiles do programa de Rebicíclate en diferentes puntos da cidade, quioscos de Cogami destartalados e tamén numerosas marquesiñas e postes de autobuses deteriorados”.
Nese mapa de lugares abandonados tamén inclúen “outros espazos públicos perdidos como o xardín dous coios que está na parte de atrás do Cuartel de San Fernando, o parque biosaudable do polígono de As Gándaras, o miradoiro da Volta da Viña, a cafetería do miradoiro do Parque do Miño, a unión do paseo do Miño co Rato ou as escaleiras do parque Marcos Cela, que acaban en ningún sitio, ou o parque dos Paxariños”.
Carballo afirma que “é necesario ter un proxecto de cidade único e non perderse en competicións e contraprogramaciones de actos para vender proxectos con cuño socialista ou nacionalista”. Nese sentido, o portavoz popular defendía a “necesidade de abrir, recuperar e manter o que xa temos antes de empeñarnos en novas construcións que quizá neste momento moitos as cuestionan por non consideralas prioritarias”.