O PP de Lugo propón un aparcadoiro provisional no barrio de Paradai para mellorar a mobilidade
O Grupo Municipal do Partido Popular de Lugo presentará unha nova proposta no Pleno Municipal co fin de mellorar a mobilidade e dar resposta á necesidade de aumentar as prazas de aparcamento no barrio de Paradai.
A súa iniciativa consiste en habilitar un aparcadoiro disuasorio provisional no terreo situado entre as rúas Sil, Pombal e Ferro Caaveiro, xa que o terreo onde se propoñen as actuacións atópase "infrautilizado" e só alberga un edificio residencial e unha pequena zona verde.
O vicevoceiro do Partido Popular, Ramón Cabarcos, subliñou que “humanizar unha cidade vai máis alá de cambiar pavimentos. Implica crear espazos sostibles, con circulación fluída e alternativas de aparcamento cómodas, sempre tendo en conta as persoas".
Desde o Partido Popular consideran que, mentres non se desenvolva de forma definitiva, é fundamental darlle un uso práctico que responda ás necesidades dos veciños. “Sabemos que nesta área, como en moitas outras de Lugo, hai unha gran demanda de prazas de aparcamento”, sinalan.
A proposta, segundo os populares, “non require grandes investimentos, só vontade política para facela realidade. Trátase dunha solución de sentido común que atende a unha demanda veciñal", conclúen.