O PP de Lugo propón unha iniciativa baixo o nome de 'Espazo Infantil' para os máis pequenos

O Partido Popular de Lugo presenta unha nova iniciativa, o Espazo Infantil, unha actividade lúdica e participativa na que os nenos e nenas de Lugo poderán expresar as súas inquedanzas e expectativas sobre a cidade.
O presidente local do PP, Ramón Carballo, e a voceira do Grupo Municipal, Elena Candia, destacaron a importancia de dar voz aos máis pequenos, subliñando que tamén forman parte activa da cidade e teñen dereito a ser escoitados.
Durante esta actividade, os participantes recibirán unha cartolina ilustrada cunha caricatura de Elena Candia que lles preguntará: "¿Que botas de menos en Lugo?". O obxectivo do Partido Popular é recoller as respostas dos nenos e nenas para coñecer de primeira man as súas expectativas e ideas sobre a cidade.
"Elaboramos esta actividade coa colaboración dun ilustrador lucense, Joaquín París, porque cremos no potencial de Lugo e apostamos polos nosos artistas locais, así como polos nenos e nenas que mañá serán os protagonistas desta cidade", afirmou Elena Candia. Na parte traseira da cartolina tamén se inclúe unha actividade de pintura divertida, na que os nenos poderán pintar bonecos caracterizados de romanos e castrexos, en homenaxe á historia de Lugo.
O Espazo Infantil contará cunha serie de actividades para os máis pequenos, como xogos tradicionais, un obradoiro de maquillaxe facial, inchables e sorteos con agasallos adquiridos en comercios do barrio onde se celebre a actividade.
Para facilitar que esta actividade chegue ao maior número de familias posibles, o Partido Popular tamén ofrece ás ANPAS a oportunidade de colaborar na difusión do evento. "Sabemos que as ANPAS son un motor fundamental na educación e dinamización das actividades das nosas escolas. Por iso, queremos poñernos á súa disposición para que este Espazo Infantil chegue a todas as familias que queiran participar", explicou Elena Candia.
O Espazo Infantil arrancará na Praza de Alicante e percorrerá diferentes puntos da cidade, creando un espazo de interacción e participación para as familias.
Con esta iniciativa, o Partido Popular reafirma o seu compromiso cun Lugo pensado para todos, no que o talento local e as novas xeracións teñan un papel protagonista.