O PP de Lugo propón unha serie de medidas para evitar a contaminación acústica

LugoXa
Esta proposta ten respaldo legal, demanda social e utilidade práctica e un obxectivo claro “adaptar a normativa ás necesidades reais”
ruido-obras-estradas-vias
29 May 2025

Entre as medidas que propón o Grupo Municipal para mellorar a seguridade, contaminación acústica e convivencia cidadá está a de impulsar un Consello Local de Seguridade que funcionaría como un mecanismo para ordenar os medios persoais, normativos e materiais dispoñibles, co obxectivo de actuar sobre problemas como os conflitos derivados do lecer nocturno, a contaminación acústica ou a dificultade para garantir o dereito ao descanso da veciñanza.

Trátase dunha ferramenta operativa a través da cal se marcará unha liña de traballo estable que implique a todas as entidades sociais vinculadas coa convivencia cidadá: asociacións veciñais, de hostalaría, xuvenís, culturais e tamén ás Forzas e Corpos de Seguridade.

Esta proposta responde ás constantes demandas da veciñanza, especialmente no barrio da Milagrosa e Feijoo onde os problemas de seguridade e convivencia son noticia semana tras semana, malia o silencio e a negación do goberno local. Tamén atende ás queixas da veciñanza do centro e outros puntos da cidade que piden solución aos problemas de contaminación acústica.

Ademais, baseámonos en exemplos útiles doutras cidades como A Coruña, onde a "Mesa pola Convivencia" —integrada por veciños, hostaleiros e técnicos municipais— permitiu dar pasos efectivos: dende campañas de sensibilización ata a revisión da normativa vixente.

Desde o PP lembramos que os problemas non se resolven sós: requiren traballo serio, planificación, rigor e implicación de todos os axentes implicados. E iso é precisamente o que pretendemos con esta proposta.

A creación deste Consello encaixa na liña de traballo que o Grupo Popular leva defendendo dende hai anos levando iniciativas para garantir o descanso, mellorar a convivencia e actuar con determinación alí onde outros miran para outro lado.

O primeiro paso para solucionar un problema é recoñecer que existe. E iso non o está a facer o goberno de PSOE e BNG. No Pleno de novembro de 2024, o PP presentou unha proposta para “instar ao Concello de Lugo a que impulse un plan de seguridade nos barrios da Milagrosa e Feijóo”. No debate, a concelleira Abelleira afirmou: “Mire, para min, como concelleira, pero principalmente como veciña da Milagrosa, esta visión é pouco real e claramente partidista”.

Unhas palabras que, lonxe de tranquilizar, evidencian a desconexión entre o goberno e a realidade que viven os lucenses. Porque os problemas están aí, afectan á calidade de vida e merecen respostas á altura.

A proposta do PP non só é necesaria, senón perfectamente viable. O artigo 13 do Real Decreto 1087/2010, do 3 de setembro, que regula as Xuntas Locais de Seguridade, contempla a posibilidade de constituír Consellos Locais de Seguridade como órganos complementarios.

Neles poderán participar representantes de asociacións cidadás, organizacións empresariais, sindicatos e outros actores do tecido social.

Por tanto, esta proposta ten respaldo legal, demanda social e utilidade práctica e un obxectivo claro “adaptar a normativa ás necesidades reais”

⚙ Configurar cookies
0.17790102958679