O PP de Lugo reclama a reapertura de sete Centros de Dinamización do rural

LugoXa
O Grupo Popular quere que en setembro os sete centros de dinamización do rural que funcionaban no Concello de Lugo volvan a abrir.
boveda centro dinamizacion social
6 Xul 2021

O Grupo Popular quere que en setembro os sete centros de dinamización do rural que funcionaban no Concello de Lugo volvan a abrir as súas portas. Concelleiros populares mantiveron esta mañá un encontro con veciños afectados diante dunha das escolas rurais que albergaban antes da pandemia este servicio. 

O concelleiro do PP Manuel López lembrou como dende hai máis dun ano os veciños de San Xoán do Campo, Calde, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás se quedaron sen un espazo que servía de punto de encontro e sen unha alternativa de ocio saudable para desenvolver cursos de aprendizaxe de novas habilidades para ocupar o seu tempo libre. “Nun momento no que semella que hai unha tendencia da xente para volver ao rural por tratarse dun entorno seguro non é de recibo que dende o bipartito de Lugo se recurte este tipo de servicios xa que supoñen un plus para os que viven nas parroquias e para os futuros veciños”. 

No PP sinalan que "non estamos dispostos a deixar que aproveiten a pandemia para discriminar aos da zona rural e por iso pedimos que se saque o contrato para recuperar a actividade nestas sete escolas rurais que funcionaron durante años como Centros de Dinamización”. López lembraba que o anterior "supuxo un investimento de 76.987 euros polo que esta cantidade dentro dun orzamento de 100M€ é unha minucia”.

Por outra parte dende o Grupo Popular instan a que se faga o mantemento das diferentes escolas, tanto das que funcionan como Centros de Dinamización como do resto dos edificios, xa que "a maleza tapa portas e mesmo ventás. As únicas escolas que hai limpas é porque os veciños, pola súa conta, fixeron o traballo de mantemento”. 

López lamenta que "PSOE e BNG en vez de revalorizar e investir para mellorar a calidade de vida das parroquias recurta servizos que fomentan as relacións veciñais e o ocio” manifestando que “non se pode usar a pandemia como excusa, os veciños son conscientes das desigualdades que provoca o bipartito tomando este tipo de medidas”. O concelleiro popular resumía “non é aceptable a despreocupación e a discriminación do bipartito de Méndez e Arroxo co rural” insistindo en que “a excusa da pandemia xa non é crible para xustificar que segan coa verxa baixada”

0.19341516494751