O PP de Lugo reclama a variante da estrada LU-P 2901 en O Burgo como unha demanda histórica

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo desprazouse á parroquia de O Burgo dentro da súa ronda de encontros coa veciñanza do rural, na que recollen as principais necesidades e preocupacións.
Entre as peticións máis reiteradas destaca a construción dunha variante na estrada LU-P 2901, que coincide cun tramo do Camiño Primitivo, unha actuación que consideran urxente e que segue sen levarse a cabo.
Os populares mostran o seu respaldo á principal reclamación veciñal, lembrando que a convivencia entre o paso constante de peregrinos e o tráfico de maquinaria agrícola converte esta obra nunha necesidade ineludible para garantir a seguridade viaria.
O grupo municipal salientou que xa durante o mandato presidido polo popular Francisco Cacharro quedara planificado un proxecto para construír a variante de O Burgo, coa intención de mellorar tanto a seguridade como a calidade de vida da parroquia, mais nunca chegou a materializarse.
Desde o PP manifestan a súa sorpresa e incomprensión ante a negativa de atender unha reivindicación que cualifican de histórica e fundamental para o desenvolvemento da zona.