O PP de Lugo reclama ao Concello a elaboración inmediata dun Plan de Igualdade para o persoal municipal

O Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo solicitou ao Goberno local que impulse de maneira inmediata a elaboración dun Plan de Igualdade para o persoal municipal, unha ferramenta que consideran obrigatoria e imprescindible para garantir a igualdade real dentro da administración local.
Desde o PP de Lugo advirten de que a inexistencia deste plan impide detectar e corrixir situacións de desigualdade que, segundo sinalan, se veñen producindo desde hai tempo, especialmente nos servizos máis feminizados do Concello. Entre eles citan os Servizos Sociais, onde hai persoal que traballa cunha xornada reducida ao 66 %, o centro Gregorio Sanz, así como a sobrecarga de traballo das educadoras, os problemas de conciliación e a denegación de permisos derivada da falta de cobertura de vacantes durante máis dun ano. Tamén mencionan a situación dos Pisos de Acollida e dos postos de atención ao público, que, segundo indican, se ven penalizados pola presencialidade e pola elevada carga emocional.
Os populares consideran necesario analizar o impacto que este modelo de organización do traballo ten maioritariamente sobre as mulleres, tanto desde o punto de vista das condicións laborais como das oportunidades profesionais e retributivas. Ao seu xuízo, unha administración que presume de impulsar políticas de igualdade non pode permitir que as maiores situacións de precariedade se concentren precisamente nos ámbitos máis feminizados.
O PP lembra que un Plan de Igualdade debe partir dun diagnóstico rigoroso da situación do persoal municipal, no que se analicen cuestións como as xornadas e horarios, a conciliación da vida laboral e familiar, as sobrecargas de traballo ou as posibilidades de promoción profesional, co obxectivo de adoptar medidas correctoras eficaces e xustas.
Neste contexto, o Grupo Popular defende a posta en marcha dun proceso serio, con dotación económica suficiente e negociado coa representación do persoal, que permita mellorar as condicións laborais e garantir que a igualdade que se proclama no discurso se traduza tamén en feitos dentro do propio Concello.
Por todo isto, o PP de Lugo insta ao Goberno local a asumir esta responsabilidade e a iniciar canto antes os traballos necesarios para dotar á administración municipal dun Plan de Igualdade que teña en conta a realidade dos servizos e, especialmente, a situación do persoal que desenvolve o seu labor nos ámbitos máis feminizados.