O PP de Lugo reclama medidas para garantir a seguridade na rúa Tui e a súa contorna

O Partido Popular esixe ao goberno local que adopte medidas urxentes para mellorar a seguridade e a convivencia na rúa Tui e nas zonas próximas.
Os populares presentaron un informe elaborado pola súa Comisión de Seguridade no que sinalan que o executivo municipal non amosou nin dilixencia nin vontade para afrontar os problemas detectados, ao tempo que lembran que existen informes xurídicos que permitirían ordenar o peche definitivo e a revogación da licenza do establecemento Las Palmeras.
Desde o PP reclaman ao tenente de alcalde Rubén Arroxo a mesma rapidez que, segundo apuntan, tivo en 2023 cando ordenou o peche do local poucos días antes das eleccións, e interpretan que, de non actuar agora, quedará demostrado que daquela só buscaba obter un rédito político.
Os populares explican que, tras solicitar documentación no exercicio das súas competencias, constataron que nas actas de inspección aparecen múltiples incumprimentos e que o expediente sancionador iniciado contra Las Palmeras, con data de 17 de decembro de 2024, non se puxo en marcha ata o 18 de xullo de 2025, sete meses despois, a pesar de que o prazo máximo era de dez días. Aseguran que esa demora de 214 días revela unha clara falta de vontade política.
O PP considera significativo que o expediente se impulsase tan só once días despois de que eles mesmos reclamasen solucións para os problemas de convivencia na rúa Tui. Recordan que nese momento Rubén Arroxo afirmara que non podía ordenar o peche do local porque incorrería nun delicto de prevaricación, e que só podía facerse tras un procedemento técnico con informes que o avalasen, como ocorrera coa clausura temporal de 2023. Agora, sosteñen os populares, existe documentación suficiente para tomar decisións e non se fai.
Critican que o goberno local continúe negando a problemática, a pesar de que existen máis de trinta referencias en medios de comunicación ao longo do último ano, denuncias veciñais e actas oficiais desde marzo de 2023 que evidencian incumprimentos reiterados. O PP lembra ademais que a lexislación vixente permitiría a revogación inmediata da licenza, citando os artigos correspondentes da Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, da Lei 10/2017 de espectáculos públicos e actividades recreativas, da Lei 7/1985 e da Ordenanza Municipal de Contaminación Acústica.
Os populares remarcan que a súa prioridade é garantir a seguridade e o benestar dos veciños e, nesa liña, demandan reforzar o persoal municipal. Xa advertiran da escaseza de traballadores no servizo de augas e agora céntranse na policía local, onde reclaman un incremento urxente de efectivos para asegurar un funcionamento adecuado do corpo.