O PP de Lugo reclama melloras no saneamento durante a obra de humanización da Milagrosa

LugoXa
Os populares levarán ao pleno a proposición de atender as achegas cidadás e evitar futuros problemas na rúa
rede-saneamento-rúa-Milagrosa
23 Oct 2025

O Grupo Municipal do Partido Popular presentará no vindeiro pleno unha proposición para instar ao goberno local a atender as demandas dos veciños na obra de humanización que se está a executar na rúa Milagrosa, no tramo entre as rúas Mallorca e Minguillón, cun investimento de preto de medio millón de euros.

Segundo os populares, a intervención, que prevé a colocación de pavimento novo sobre o existente e a apertura de zanxas só para o cableado eléctrico e de alumeado, manterá a rede actual de saneamento e limitarase a reparacións puntuais, sen abordar problemas antigos que veñen sufrindo os residentes. “Deberíase aproveitar cada intervención que se fai para mellorar os servizos e non limitarse a un lavado de cara”, apuntan desde o PP.

O grupo municipal considera que este tipo de obras deberían planificarse coa participación veciñal, escoitando as prioridades cidadás para evitar que no futuro haxa que volver levantar a rúa para solucionar deficiencias que agora se ignoran.

Para reforzar esta proposta, o PP organizará un encontro veciñal o mércores 29 de outubro ás 12.30 horas á altura da Cafetería O Lagar, coa intención de recoller achegas directas da veciñanza e tentar que a área de mobilidade rectifique o proxecto.

⚙ Configurar cookies
0.078210830688477