O PP de Lugo reclama que o Goberno local atenda as necesidades dos veciños da Calzada da Ponte
O PP de Lugo reclama que o Goberno local "traballe de xeito coordinado" para atender as necesidades dos veciños da Calzada da Ponte despois de manter unha reunión con eles e constatar que "se senten esquecidos e pensan que algunha das actuacións en materia de mobilidade que se acometeu é froito da improvisación", din os populares.
Dende o PP "queremos facernos eco das reclamacións veciñais nesta rúa tan céntrica e importante da cidade, que están a sufrir as consecuencias de decisións pouco meditadas e razoadas por parte do goberno bipartito. Un exemplo máis de que se inviste, pero non se mellora. Humanizar non é gastar en cambiar o pavimento. Trátase de deseñar a mobilidade dos espazos para unha boa convivencia e mellora da calidade da vida dos lucenses", explican.
Así, opinan que a "mala planificación acaba tendo consecuencias negativas que intentan corrixir con improvisación, como a colocación dun bolardo para tentar atallar o tráfico nun extremo da calzada, o que provocou o aumento do tráfico na outra parte da rúa, que soamente é de acceso teórico para residentes, pero especialmente na hora de saída dos colexios, convértese nunha rúa con máis tráfico que nunca", denuncian.
Así, os populares reclaman que se adopten as medidas necesarias de control de tráfico nesta zona da cidade e destacan que os veciños piden tamén a recocación dos colectores do lixo, a limpeza e mantemento viario e incorporar mobiliario urbano.