O PP de Lugo recolle demandas veciñais en Esperante e critica a subida do IBI

O grupo municipal do Partido Popular de Lugo reuniuse cos veciños de Esperante no seu local social co obxectivo de dar conta do traballo realizado, informar das cuestións que afectan tanto á parroquia como ao municipio, e, sobre todo, recoller peticións e suxestións da veciñanza.
Entre as principais críticas recollidas estivo a subida do IBI, exemplificada no caso de José Luis, un veciño que pasou de pagar menos de 40 euros a máis de 170 por un terreo no que non é posible construír. Os populares cualificaron esta situación de inxusta e atribuína á política fiscal do goberno local.
Tamén se abordou a situación do convenio de saneamento e abastecemento, denunciando que o Concello leva máis de 15 meses sen responder ao requirimento de Augas de Galicia, o que, segundo o PP, evidencia unha confrontación co Executivo autonómico que está a bloquear investimentos en servizos básicos no rural.
Outro punto tratado foi a posta en valor da igrexa parroquial, un proxecto con gran potencial histórico e patrimonial que fora solicitado polos veciños en encontros anteriores. O PP e os asistentes agradeceron á Xunta de Galicia o investimento realizado para a recuperación deste ben patrimonial.